XOSÉ CARLOS CANEIRO BARCO DE PIRATAS
03 mar 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Só tolero un tipo de fanatismo: o literario. Engancharse aos libros como se fosen unha estensión de nós mesmos. Ler ata perderse na madrugada ou escribir, cegamente, abandonando o corazón no intento. O demais non me interesa. O fanatismo político, relixioso, deportivo. O tanque talibán vomitando a súa ráfaga de odio sobre o Buda xigante que pintaba de paz un recanto do mundo. O fanatismo ten condenado á humanidade e, sen dúbida, resulta impropio para este mundo infeliz que Huxley anunciou con exceso. Agora está de moda o pensamento único, pero non o fanatismo. Que va. Na unicidade cabe algunha leve saída, unha tímida luz na fin do túnel. Cabe a alternativa de dicir non, de afastarse das maiorías e nadar na corda inasible da periferia. Eu amo esa corda. E por ela cabalgo este domingo. Porque miren, para que o vou ocultar, eu non creo que Mayor Oreja resulte un ser providencial. Nin Rajoy. Alguén tiña que dicilo. E desculpen, desculpen que sexa eu. Podería falar do talibanismo, ou das oligarquías de raza e RH, ou dos caníbales que ocultan o rostro das mulleres. Pero non: prefiro a Oreja. E afirmo que os seus cantados éxitos non foron tales porque os fanáticos, outros fanáticos, seguen matando. Porque a Lei de Estranxeiría é dolorosa. Porque esquecemos que algúns logros da política antiterrorista foron executados polos Servicios de Intelixencia franceses, pola Policía Municipal de Barcelona ou pola Ertzaintza. Porque o Centralismo segue a planear sobre unha España moi distinta á de Carlos III: Lucas, presidente elixido en Castilla-León, abandona a minucia autonómica para dedicarse a unha ministerial carteira (as autonomías, no fondo, son cousa de provincias). Oreja resulta cortés, tranquilote, pero iso non é o canon único que debe dirixir a vida política. Os políticos están para resolver os problemas da cidadanía. ¿Cal foi o gran triunfo de Oreja? ¿Cal será a excelsa gloria de Rajoy? En tanto, ninguén soluciona a traxedia terrorista, ese puñal. Non resulta cómoda esta confrontación constante co goberno que os votantes elixen por maioría (¡absoluta!). Pero tampouco quero ser dos que aplauden cando o aznarismo grita que si, que aplaudan, que España va bien. O aznarismo é unha maquillada corrente ideolóxica que consiste en negar calquera vida intelixente fóra do seu círculo. Eu temo o aznarismo. Témoo, fundamentalmente, porque aínda non ofreceu unha saída convincente aos problemas que máis preocupan aos cidadáns: o terrorismo, a precariedade laboral, as crecentes desigualdades. Sen embargo a súa prédica continúa día tras día reclamando aplauso. Como se fose unha intriga de Pemán, aquel dramaturgo adulador e mediocre.