CORTE

La Voz

OPINIÓN

ANTÓN REIXA ÁREA DE SERVICIO

26 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Para ben ou para mal, tamén no máis pintoresco topámonos co tamaño pequeno e dependente do noso país e da súa historia. Estes días, por exemplo, veño de decatarme que na nosa vida institucional e oficial carecemos de corte. Digo isto a propósito das controversias e ironías que veñen suscitando aí fóra, no espacio exterior, as declaracións xenófobas da esposa de Jordi Pujol ou, noutra orde, a entrevista do presidente Aznar con Sánchez Dragó na televisión pública para contarnos a moita poesía que le o esposo de Ana Botella. Calquera das dúas circunstancias sería impensable en Galicia. As esposas dos políticos galegos son opacas na vida pública e nunca saberemos se é por machismo («mujer casada, pata quebrada») ou se esa ocultación é cuestión de discreción e independencia. Prefiro pensar o segundo e, sobre todo, agradecer que sexa así e que non teñamos que padecer ese marujeo tan americano polo cal un elector xa non sabe se vota por Clinton, por Hillary ou polos dous ó mesmo tempo. A muller de Felipe González estivo no límite, Ana Botella comezou cunha omnipresencia mediática obsesiva pero parece que alguén lle aconsellou ultimamente un certo distanciamento social e Marta Ferrusola, exercente señora de Pujol, xa non ten volta atrás despois dun par de décadas de actividade cortesá. Respecto a Aznar e Sánchez Dragó, dicir que un agradece que un político lea poesía (todos deberían facelo e, se cadra, algún sería mellor que se limitase só a iso) pero é desconcertante que un presidente teña tempo dispoñible para charlar de poesía e vaidade cun tipo así. Nisto da carencia de corte, os galemos saímos gañando.