ALGO MÁIS QUE TITULARES

La Voz

OPINIÓN

VÍCTOR F. FREIXANES MAR DE FÓRA

16 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Poida que non sexamos conscientes do momento que nos está a tocar vivir. A Historia corre a unha velocidade abraiante. En xullo do 69 o mundo enteiro parábase a ollar a primeira pegada dos homes na Lúa. Hoxe, dende hai meses, unha estación espacial xira arredor da Terra con varios tripulantes no seu interior sen que a penas nos decatemos da súa existencia. Unha palabra, calquera mensaxe vence en segundos tódalas distancias. O que sucede aquí pode saberse na outra extrema do planeta con só pulsar un botón, un teclado de computadora. E sen embargo, o 70% da Humanidade pasa fame. O pasado luns, en cinco cidades do mundo (do primeiro mundo, debemos advertir): Washington, Londres, Tokio, París e Berlín, a ciencia presentou o seu último gran descubrimento. O mapa da vida. A cartografía xenética dos seres humanos. Disque así está todo: o mecanismo da existencia, a guía secreta que ha de vencer as enfermidades, as marcas profundas da conducta, que nos condicionan dende as orixes... Son os titulares dos periódicos. Nada diso é certo. Ou non é exactamente así. Non mo parece. A enfermidade forma parte da saúde, igual que a vida non se pode entender sen a morte. O ser humano é, por esencia, caduco. ¡Deus nos libre da inmortalidade! Outrosí sucede coas conductas. Ninguén nace criminal ou bandido, por moitos mecanismos ocultos que identifiquemos. Poida que nalgún curruncho da nosa memoria xenética existan predisposicións herdadas para isto ou aquilo, coma existe a capacidade para as destrezas manuais, a bondade e o talento. Mais é o contacto co mundo, coas circunstancias e, sobre todo, co discurso e o exemplo dos outros seres humanos (a educación) o que desenvolve, reprime ou dispara esas potencialidades e constrúe outras, coma quen vai levantando pedra a pedra unha casa. Aí é onde debemos actuar. Cada un de nós é unha casa única, irrepetible. Convén recordar algunhas destas cousas nestes á hora de miragres, vértigo e non poucas supersticións. Tamén a ciencia, o fetichismo do coñecemento científico pode dar en superstición se non acertamos a situalo na súa xusta medida (que é a medida dos seres humanos). Hai pouco tiven ocasión de falar noutro lugar de información e coñecemento. Estamos cheos de datos. Nunca o ser humano recibiu tanta información seguida, indiscriminada, a vagallóns. Nunca tantos estímulos nin tanta confusión. O coñecemento é a capacidade que o individuo ou o grupo humano ten para manipular e interpretar a información (os datos) segundo determinados procesos adquiridos e a prol dos seus intereses. O coñecemento permite comprender a realidade, entendela, interpretala e, xa que logo, transformala. A información sen coñecemento é un absurdo, cando non un narcótico, unha ferramenta de manipulación e, polo tanto, de escravitude. Unha parte importante da Humanidade vive hoxe baixo formas diversas de escravitude. Os nosos paisanos, cando traballaban a terra e tomaban decisións tocante ós ciclos da lúa, os cultivos ou a alimentación das vacas, exercían o coñecemento. Non estou tan seguro de que o home contemporáneo poida dicir o mesmo. O xenoma é un salto cualitativo, a porta dunha nova dimensión, certamente. Pero a felicidade (e a liberdade) é unha cousa moito máis doméstica, moito máis persoal, moito máis delicada e máis íntima, sobre a que debemos actuar cada día, aínda que non sempre apareza nos titulares dos xornais.