DE ENTRADA, SI

La Voz

OPINIÓN

XERARDO ESTÉVEZ

15 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Co gallo da colocación da primeira pedra da Cidade da Cultura, non está de máis tentar unha síntese rápida do proceso. Na orixe houbo un bo concurso que se resolveu coa elección dunha proposta asinada por un gran arquitecto-autor. Eisenman deseña un proxecto moi interesante, novidoso, audaz incluso. Pero esa audacia é, en certo modo, aparente, xa que se presenta como unha evocación desacralizada do locus histórico. A proposta faise así conservadora, en canto recoñece explicitamente o recurso a elementos simbólicos tales como a vieira, a forma de améndoa da cidade histórica, as rúas intersticiais ou a reconstrucción do perfil da montaña. O aspecto urbanístico é igualmente interesante. Os terreos, en boa parte cedidos por Caixa Galicia, dominan a fachada oriental da cidade e o entorno da veiga do Sar, unha paisaxe encantadora. Este emprazamento singular cabe esperar que sexa completado desde unha visión xenérica do planeamento, no tocante ós accesos e ó perfil futuro do seu entorno, inscritos nunha revisión do que os documentos urbanísticos prevén para esta área, ata agora funcionalmente desvinculada do conxunto. Resolver a relación territorial da montaña co centro histórico a través da veiga do Sar é un reto urbanístico moi suxestivo e transcendental para a cidade. A vertente programática é o terceiro punto clave do proxecto. Desde hai aproximadamente un ano, un amplo número de persoas de distintas áreas traballan na elaboración dos contidos, dos que polo de agora só sabemos que parten dun enunciado xenérico. A envergadura do investimento requirido pola construcción e -cómpre non esquecelo- o futuro funcionamento e mantemento deste novo proxecto esixe un programa innovador que cumpra, polo menos, tres condicións. Por unha parte, non debe ter a tentación de drenar o caudal cultural de Compostela, verdadeira cidade da cultura. Logo, sen volver as costas ó propio e autóctono, a súa formulación conceptual debe partir dunha dimensión universal e contemporánea da cultura. Por último, debe lograr que toda Galicia se sinta comprometida coa empresa, non só como un propósito abstracto senón mediante fórmulas concretas de cooperación coas outras cidades e cos seus respectivos proxectos culturais, e de forma especial coas tres universidades. Chegamos, xa que logo, a unha conclusión: Cidade da Cultura, de entrada, si. Encétase agora un magno proxecto con moitas expectativas postas nel.