A PROPÓSITO DUN MARQUÉS

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

14 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha vez, estando con Gonzalo Torrente Ballester na tertulia de Baiona, entre aquela peregrinación constante de xente que subía ata o entrechán da cafetería onde nos viamos, só para confesarlle o seu cariño ou a súa admiración, apareceu un marqués. Era un home duns sesenta anos, con aspecto de boa persoa, vestido cunha grosa chaqueta de la a pesar da calor do verán, e moi lido, polo que puidemos comprobar. Coñecía ben a obra de Torrente, tanto que se liou con el nunha intelixente discusión sobre o carácter oral da narración. O certo é que eu quedei moi ben impresionado daquel señor, especialmente porque nun primeiro momento me dera a impresión de que máis que un marqués parecía un labrador acomodado, con aires de señorito andaluz caído a menos. Cando se foi, Torrente explicounos o pouco que sabía del: coñecíao moi vagamente, presentáronllo uns anos antes, e só chegara a descubrir que era un home estraño, amable e moi educado, dono dunha boa biblioteca, metade herdada e metade formada por el, dedicado a ler e á cría de cabalos. A min ocorréuseme comentar que, se non fose porque mo dixera o propio Torrente, eu nunca tomaría a aquel home por marqués. Xa dixen que tiña aspecto de campesiño: colorado, de pel castigada polo sol, mans fortes, orellas grandes e nariz de pemento, con pelos como cañotos na punta, sen depilar. Torrente dixo que en España hai dúas clases de aristócratas: os urbanos, convertidos en funcionarios ou en rentistas ociosos, abocados a unha rápida extinción, e os rurais, especie de labregos ricos dedicados ó que se podían chamar os labores do fogar, é dicir, administrar as terras, cultivar flores ou froiteiros, e criar cabalos, touros bravos ou grandes explotacións de vacas. Polo visto, segundo o novelista, a prosapia estaba nestes últimos, a pesar das aparencias. Alegreime por moitas cousas, incluso polo meu gato Samuel, tan auténtico que cada vez se parece máis a unha ovella.