A MASCOTA

La Voz

OPINIÓN

XAVIER SEOANE

10 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Reflexionaba estes días, indeciso entre se sería preferible a posesión da variña máxica do xuiz Liaño ou o coñecemento da pedra filosofal do Mercado Globalizador, e lembreime do can de Boyer, esa mascota española por excelencia da Reconversión da Transición, e púxenme a matinar en qué terá sido del. Dubidaba eu se xa estará enterrado con epitafio e todo, se vivirá mergullado nunha aurea mediocritas horaciana, ou nos terá deixado algún descendente broker, enfrascado nos caneos do índice Nasdaq e as flutuacións do Dow Jones... De vivir, ¿estará mellor preparado ca moitos de nós -pensaba eu- fronte á globalización? ¿Terá a Vargas Llosa como autor de cabeceira? ¿Adormecerá de cote cunhas páxinas de Fukuyama e a súa fin da historia? ¿Será Rintintín e o 7º de Cabaleiría do Vixía de Occidente o seu ídolo e tótem? ¿Ou, máis frívolo, terá no cuarto de traballo da casoupa un póster do seu coñecido parente Enrique Iglesias e a prensa do corazón para o seguimento das andainas de Chabeli por eses mundos dïel Señor? Desde a casa vexo, ás veces, entre os galpóns do porto, algún can errante, ou abandonado, ente os brados do temporal e a flota de retorno. Parece un personaxe de Jack London clamando polas terras do río Yukon. E penso na distancia que debe haber entre ese sans culotte que semella un recén desembarcado da patera, e o seu privilexiado colega, aló en Madrid, nunha zona residencial, interrogándose sobre o cruce entre a nova economía e as tecnoloxías da comunicación mentres, ao lonxe, Carabanchel abaixo ou Guadarrama arriba, nos píncaros da neve, oubean no seu máquis os lobos na alta noite.