FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
01 feb 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Lembramos, de días xa moi lonxanos, as lecturas iniciais da obra de Benito Pérez Galdós. Abranguían os libros correspondentes a diversos períodos, que Casalduero definiu e caracterizou cronoloxicamente. De primeiras, o que chamou período histórico. Despois, sucesivamente, o naturalista, o espiritualista, o mitolóxico, cos correspondentes subperíodos, que o crítico literario analixou tamén. Para el, o novelista tentou estudiar o carácter español. Posteriormente quixo captar ó home do século XIX. Logo, ó home en xeral. E, ó cabo, pechou a súa obra con figuras utópicas. Seguindo este proceso sinalado por Casalduero, andivemos a reler algúns dos libros máis representativos das devanditas etapas. Parámonos a reflexionar principalmente sobre os diferentes xeitos cos que o narrador valoraba a imaxinación. De comezo, viña ser esta un valor negativo, debido a exaltación da realidade. Non só como guía espiritual, moral, política do home, senón como fonte de coñecemento. Cando o imaxinación adquiriu para Galdós un valor positivo, entón a realidade non quedaba desvirtuada. Pero facíaa depender da imaxinación. Si había realidade, si a xustiza, o ben, a moral existían, era porque a imaxinación as creaba. O home facía do seu crer un ser. Soñar Primeiro o novelista quería que a alma deixara de soñar. Despois pensaba que soñar era vivir, e vivir, soñar. Pero a materia do seu soño non cambiaba. Seguía tan alonxada do barroco como sempre. Galdós quería que o home deixase de considerar ó home como un inimigo. Quería facer da terra un lugar de convivencia. Parécenos que non houbo unha evolución na obra do escritor, senón unha formación, un desenvolvemento. Coas raíces findamente afundidas na terra orixinaria, aquela obra tendía as súas polas últimas cara a altura, e abrangueu á humanidade. Dun extremo a outro estaba traspasada polo mesmo anceio. Anceio optimista, cheo de comprensión, de fe. Sobre todo de fe, que a penas si se eclipsa un algo nos anos de maior abatemento. Pasada a crise volve irradiar máis brillante que nunca. O pesimismo da maturidade convertiuse en ironía bondadosa, cunha gran capacidade para perdoar. Feito que non requiría nin impuña claudicación. Estragamento A inicial obra galdosiana cristalizou en Doña Perfecta. Foi o momento no que se ollaba o mal, o odio, a reacción, en toda a grandeza de desbarata. O espírito do estragamento, fatalmente implacable, con dimensións colosais, cubría toda a novela. A creación das súas etapas finais foi dar a Casandra. Tamén había unha morte. Tamén as sombras rampantes do mal se extendían pola sociedade. Pero á man que mataba, á vontade decidida a matar, non a conducía o odio, senón o amor. O desexo entrañable de rescatar co propio sacrificio ós fillos dos homes.