SEN XUÍZO

La Voz

OPINIÓN

MANUEL ESPIÑA

30 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Antes do concilio Vaticano II os cabildos de coengos eran o Senado do Bispo da súa diócese e tiñan que contar con eles nos asuntos máis importantes do seu goberno e da súa acción pastoral. Pero, recollendo o espírito do Vaticano II, este órgano foi substituído polo Consello do Presbiterio, formado por presbíteros, nomeados a metade por votación e os demais polo bispo. E este consello tan só ten voto consultivo, e quizais por iso non é doado verlle consegui-la súa misión, que é axudar ó bispo no goberno da diócese. O primeiro consello do presbiterio da archidiócese de Santiago foi creado por monseñor Suquía e cando ascendeu a arcebispo de Madrid díxolle a varios amigos que pasara en Galicia os dez anos máis felices e tranquilos de toda a súa vida, porque «Los gallegos son los mejores para ser mandados». Pero engadía: «A no ser por los artículos del canónigo de La Coruña, Manuel Espiña». Pois, amigos, agora este coengo foi condenado sen xuízo polo actual consello do presbiterio de Santiago, que decidiu que, na miña defensa dun compañeiro, menospreciei gravemente ó señor arcebispo. E, certamente, eu que me sinto satisfeito e case honrado por ter sido, durante a dictadura, multado e ata procesado polo Tribunal de Orde Público, doeume moito ser condenado agora na democracia e sen xuízo polos irmáns cregos. Mais agora quero dicirlles que non intenten asustarme, porque van consegui-lo efecto contrario, e recoméndolles que pidan a Deus que me xubile pronto, xa que, se me conceden a lonxevidade da miña nai, quizais lles dea bastante traballo.