ENFILADOS DA VIDA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE CARLOS CASARES

29 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Algunha vez teño falado aquí de Guillermo Torrelio, un campesino boliviano, perseguido por razóns políticas na súa terra, que atravesou os Andes cunha multicopista a costas, metida nun saco, para buscar refuxio no Chile de Salvador Allende, con tan mala sorte que, poucos días despois de chegar, produciuse o golpe do xeneral Pinochet. Guillermo conseguíu burlar ós sicarios que o buscaban para matalo e tivo a sorte de atopar a unha persoa que, en vez de querer asasinar xente, quería salvala. Na vida hai de todo. Gracias a ese ser humano normalmente constituído, o perseguido logrou chegar a Suecia, onde lle deron o estatuto de refuxiado político. Foi alí onde o coñecín e onde nos fixemos amigos, a pesar das fortes discusións que mantiñamos, pois el era comunista. Aquel home profundamente bo, case inocente, vivía nun fermoso piso, pero sen mobles. Nun primeiro momento, eu atribuínno ó espartanismo da súa vida e ás súas conviccións, moi firmes. Un día, sen embargo, cando xa levaba varios anos no exilio, confesoume que nunca amoblara a casa porque sempre pensou que aquel episodio non ía ser máis que un paréntese breve na súa axitada existencia. Finalmente foi bastante máis longo do que el imaxinara. Este comportamento de algúns exilados, tal como tiven ocasión de comprobar noutros casos, debe ser frecuente. Algo parecido lle oín contar a Luís Seoane, que tamén viviu provisional durante tempo, ata que se decatou de que ía para largo. Son exemplos tristes dunha realidade amarga que aínda seguimos recordando. Claro que existen tamén outras mostras divertidas de conductas semellantes. Onte faloume un amigo dunha señora, coñecida del, que non lava a cabeza porque está convencida de que vai morrer pronto. Se entendín ben, leva así máis de trece anos, tal vez con mobles, pero sen auga. Neste caso, a culpa non é de ningún dictador desalmado, senón da propia vida, que ten tamén os seus exilados.