UN ACTO RACIONAL

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

25 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha vez, estando en Suecia, lin nun periódico a historia dun finlandés pobre que, cada ano, ó chegar os primeiros fríos do inverno, cruzaba a fronteira e dirixíase á cidade sueca de Haparanda coa intención de que o metesen no cárcere. Para logralo, entraba nun supermercado e roubaba con descaro algúns productos, agardando provocar dese xeito a detención. Non se trataba dun tolo, senón dun tipo avispado. As prisións suecas, que daquela eran un exemplo único no mundo, dispuñan de calefacción, televisión nas habitacións e toda clase de comodidades. De maneira que o finlandés asegurábase un inverno confortable, con boa comida e calorciño, a cambio de non saír á rúa durante uns meses nos que a penas se pode andar pola rúa. O negocio funcionoulle por algún tempo, ata que a policía se decatou da trampa e optou por permitir que o pobre roubase algunhas cousas antes que prendelo. No fondo, tratábase dunha cuestión puramente económica. Uns paquetes de salmón afumado ou un kilo de laranxas resultaban bastante máis baratos que alimentar ó falso delincuente ó longo de varios meses. O Estado moderno é profundamente racional. Naquela época, estas historias parecían pintorescas, pero tamén podían verse como exemplo das moitas marabillas que existían nun dos países máis adiantados do mundo, onde os cárceres se asemellaban máis a hoteis de catro estrelas que ás mazmorras ou os cagarróns que aínda se estilaban noutros lados. Por fortuna, xa non se dan estes contrastes. Hai un par de días, un rapaz colombiano que vive en Valencia sen papeis, amigo duns amigos meus, asaltado de morriña, decidiu presentarse nunha comisaría e denunciarse como inmigrante ilegal coa esperanza de que o meteran nun avión e o devolveran ó seu país. Nada deso. Mandárono para a casa. O mozo seguramente non contaba coa racionalidade do Estado moderno. Un billete a Colombia aínda vale unhas pesetas.