XESÚS PALMOU LORENZO
23 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.A dinámica que estamos a vivir trala presentación da moción de censura polo Bloque Nacionalista Galego danos a razón a tódolos que pensamos dende o primeiro momento que se trataba dunha manobra para darlle corda ó reloxo parado do seu candidato. De súpeto, o señor Beiras firma artigos, concede entrevistas, ofrece charlas, convoca roldas de prensa nunha campaña de promoción que persegue fixar na súa persoa a atención que unha deficiente política pola súa parte estaba facendo caer en picado nos últimos meses. Particularmente, non teño nada que opoñer a que o señor Beiras faga todo o que estea nas súas mans para obter a notoriedade que desexe. Sen embargo, paréceme inapropiado que para conseguir este obxectivo sacrifique o sentido profundo dun mecanismo que ten un uso taxado para determinadas circunstancias singulares; circunstancias que, cómpre recordar, non se dan baixo ningún concepto en Galicia nestes momentos e sen as cales o recurso á moción de censura equivale a unha irresponsable utilización do Parlamento. Unión Non se dan esas circunstancias porque o grupo maioritario da Cámara respalda unido e con firmeza o comportamento da Xunta e do seu presidente. O Goberno galego non só non está paralizado nin desbordado, como pretende ilusoriamente o señor Beiras na súa argumentación, senón que leva adiante unha actuación seria e correcta nos seus aspectos esenciais. No caso das vacas tolas esa actuación foi caracterizada de «modélica» por unha das maiores autoridades na materia a nivel nacional, o señor Badiola, malia o desgraciado erro de Mesía. No que se refire ó sector pesqueiro ou ós danos causados polos temporais, dous problemas que, por certo, non teñen a súa xénese na administración autonómica, o mesmo que o das vacas tolas, esta respondeu con prontitude nos foros onde tiña que facelo, como pronto comprobarán os afectados. Polo que respecta ó papel do Parlamento é unha teima vella do nacionalismo, que non comparte a política do PPdeG segundo a cal o presidente Fraga comparece nos debates de política xeral e os conselleiros fano nos asuntos puntuais de cadansúa área. Pero esa política existe e non hai máis que revisar os diarios de sesións para comprobar que dela non se deriva ningún desprezo ó Parlamento nin o intento de evadir as súas funcións de control. ¿Onde atopar, pois, a excepcionalidade da que fala o señor Beiras, esa situación extrema á que alude para xustificar a súa moción? Na súa imaxinación. Teño para min que o nacionalismo teme, e teme con razón, que o Goberno galego poida superar con boa nota a situación inédita que plantexa a aparición en Galicia dun problema de escala europea, como o das vacas tolas, e que, en consecuencia, intenta facer un xuízo sumarísimo antes de que se poidan visualizar os resultados da súa actuación, co fin de descalificala dende o punto de vista electoral. Se é así comete un erro gravísimo que son o primeiro en lamentar e que non me cansarei de denunciar: o de romper a solidariedade entre galegos á que nos obriga un tema desta magnitude, crucial para o futuro da nosa gandeiría, fabricando unha crise política virtual, a cambio dun «puñado» de votos, da que, por desgracia, só van tirar partido os interesados en difundir unha imaxe tercermundista de Galicia que non fai xustiza, xa non ó seu Goberno, senón a tódolos cidadáns deste moderno e esforzado país.