XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT
23 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Trátase do pseudónimo de Ángel Juan González López, pintor, debuxante, poeta e editor de poetas. Naceu en Lugo o 28 de outubro do ano 1901, e morreu, de dura enfermidade, antes de cumpri-los 64 anos. Trateino moito nos meus primeiros anos lugueses e axiña sentín por el o respecto e o agarimo que inspiran as persoas serias, nobres e castigadas polas adversidades políticas. Era un home de esquerdas, dunha esquerda sobria e íntima. O seu labor, especialmente o artístico, está moi vencellado a Lugo desde 1924, o ano da revista Ronsel. Funcionario do corpo de Telégrafos (como Eduardo Moreiras e Xohana Torres), exerceu, primeiro, en Lugo (1918), e logo, en Las Palmas (1929), onde casou con Dolores Doreste Doreste no ano 1931. Leal á República, fixo chegar ó Goberno un telegrama no que se daba noticia dos «pasos traidores» do xeneral Franco, daquela confinado en Tenerife. Co triunfo da Sublevación, Ángel Johan foi condenado a pena de morte, que, conmutada logo por outras penas, converteuse en cinco anos de prisión. A saída da cadea, sen emprego nin soldo, malvive das pasantías, pero retorna á vida intelectual e compón, con outros poetas canarios, a colectánea Antología cercada (Las Palmas, 1947) na que figura un nobre e xusto retrato seu feito por Manuel Millares. Un ano antes publicara o caderno La agonía junta, poemario que suscitou, en carta, este xuízo de Vicente Aleixandre: «No conocía su anterior cuaderno, pero me detengo con gusto en este, en su pena honda, en su varonil entereza. Mucho sabe usted ya del «humano dolor», musa caliente de sus versos, generalmente resueltos en una estoica actitud, espiritualmente ganada». Volve a Lugo, sen o seu posto de traballo (nunca devolto polo franquismo), en 1948, e aquí, como contable nunha empresa constructora e como profesor de Debuxo no colexio Fingoi, vai sacando adiante os seus catro fillos. Intelectual de febra, volve ás andadas: crea en 1952 a colección de poesía Xistral, coida a edición -exemplar- de Barco sin luces de Luís Pimentel (1960), escribe poemas e fala nos cafés, en voz moi baixa e moi seria, da mediocridade e das tiranías. Nun destes parladoiros coñecino no verán de 1960, e ese día empecei a querelo e admiralo. Como poeta en galego, eu salientaría os seus sonetos, molde axeitado para a súa musa cálida e estoica (como diría Vicente Aleixandre). Eu teño a esperanza de que Lugo -colaboren ou non os conselleiros do ramo- faga xustiza nesta data a Ángel Johan, nobre varón, cidadán marxinado, sobrio entusiasta das causas da cultura, excelente poeta, gran debuxante e exquisito editor de poetas.