O QUE ESTÁ HERDANDO O SÉCULO XXI

La Voz

OPINIÓN

ISAAC DÍAZ PARDO

21 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Alguén di, coñecendo o problema das vacas tolas, que hai que ter solidariedade cos gandeiros honestos... que o home non é un patrón absoluto como un déspota autónomo da creación. Que é urxente poñer freo á degradación que sofre o planeta cunha conversión ecolóxica que deteña a catástrofe que se aveciña. Devastamos chairas, vales, fragas, contaminamos as augas, deformamos o hábitat da terra, cunha industrialización salvaxe, e facemos o ar irrespirable... Se alguén di cousas así, repito, os responsables destas graves fallas que se denuncian axiña as atribuirán a eses pesados do Greenpeace, ao marxismo fracasado, ou a eses anarquistas que non fan máis que lle por chatas ao progreso. Mais trabúcanse, pois trátase de conceptos verquidos recentemente polo Papa Xoán Pablo II, tentando iluminar as concencias cunha luceciña que ven de lonxe. Estas advertencias non van deter a catástrofe porque os poderosos que impulsan este progreso que persiguen os grandes e absurdos negocios levan consigo a cegueira insaciable das bestas que non saben que poden morrer no empeño. Só se decatan cando tropezan como neste caso das vacas e reaccionan coa torpeza que estamos vendo. A ciencia e a técnica utilizadas por estes poderes omnímodos logran confundir a liberdade, como un valor moral do home, coa práctica dunha liberdade comercial pra explotar todo o que ven, amparándose no invento do neo-liberalismo consentido pra se facer pasar por demócratas. Castelao nos fala aos galegos da árvore, do peixe, e da vaca como símbolo da paz; e un pensa o que diría agora vendo o panorama no que se debaten estes símbolos. Un grupo de amigos que saben moito no campo das especializacións nas que traballan, mais precisamente por servir ben a esa especialización padecen a deformación profesional que, dunha forma ou doutra, todos padecemos se ollamos o mundo só dende o noso traballo, e estes amigos o ven dende a xanela financieira, din que a única posibilidade pra nos equiparar a Europa é atraguer a inversión extranxeira. Mais eu lles diría que cando esa inversión foránea ven a Galiza non ven a axudar, senón a se apoderar de todos os nosos recursos, que agora xa nin o ar nos deixan a nós, e así nos teñen sembrado de maneira vergonzante as cresterías dos nosos montes con molinillos de vento. Mais todos estes abusos poden ter unha resposta semellante ao das vacas tolas. Logo, estes mesmos amigos nos invitan a que segamos o exemplo de Irlanda, sen decatarse que o primeiro que determinou a riqueza de Irlanda foi o separarse de Inglaterra, e a partir de ahí acepta axudas foráneas, non dominios alleos. Eu non son arredista e non teño porque pretender que Galiza se separe de Inglaterra, pero teño poucas dúbidas de que se os galegos poidésemos recuperar o control dos nosos recursos, e de todo aquelo que nos pertence, tamén a nosa personalidade histórica e política, detentada hoxe polo centralismo mesetario, no Estado plurinacional que somos, moitos dos problemas que golpean á Iberia se superarían e quizais outro galo nos cantaría.