NA PROCURA DE SOLUCIÓNS

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ MANUEL BEIRAS

20 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A moción de censura é a forma de reprobación máis rotunda que un parlamento pode facer a un governo nun sistema democrático. É unha medida prevista nos sistemas constitucionais parlamentaristas para «esixir responsabilidades políticas», tal e como o expresa o Estatuto de Galiza, a un poder executivo que, na sua acción de governo, perdeu irreversibelmente a confianza do conxunto ou dun segmento importante da Cámara de representantes. A modalidade de moción de censura vixente nas Cortes españolas e no Parlamento galego non é incondicionada, non se cinxe á censura sen máis, senón que require a presentación dun candidato alternativo á presidencia do governo. Ten, portanto, un carácter mixto, de simultánea censura e investidura alternativa, a diferencia do que acontece noutros parlamentos europeos. No BNG consideramos que o noso País ten chegado a unha grave situación política de esgazamento entre a realidade dos problemas que padecen amplos sectores da cidadanía e a falla de resposta a iles polo governo da Xunta de Galiza. Esa situación suscita a necesidade urxente dunha resposta acaída por parte da Cámara de representantes dos cidadáns galegos, dirixida a eles e frente á irresponsábel parálise do poder executivo que detenta o actual presidente da Xunta. A caótica actuación da Xunta perante o andacio das vacas tolas, a crise do sector pesqueiro e marisqueiro ou os damnificados polos temporais e inundacións, non son máis que dramáticos exemplos desa incapacidade do governo galego. Parécenos evidente que iso é percibido pola cidadanía, que contempla con estupor e impotencia o patético espeitáculo da inoperancia da Xunta. O Bloque Nacionalista Galego leva tomado numerosas iniciativas e propostas positivas ofrecidas directamente á sociedade ou á Xunta a traveso do Parlamento, que conteñen todo un repertório de actuacións para a defensa da nosa economía, dos nosos sectores produtivos básicos: todo un esquema dun auténtico programa de governo alternativo pensado desde Galiza, en función dos nosos intereses colectivos. O governo do PP e o seu presidente, até agora, fixeron ouvidos xordos aos nosos ofrecementos de colaboración e chamamentos ao diálogo ou debate sobre os problemas que nos aqueixan e as posíbeis medidas para soluciona-los. Este autismo político do presidente da Xunta léva-o, non só a desconectar das demandas da sociedade galega, senón tamén ao desprezo da institución parlamentar na que está pluralmente representada a vontade política da cidadanía. Resulta inadmisíbel a negación sistemática de comparecencia do presidente na Cámara para dar conta de nada. Esta actitude, antitética dun comportamento democrático, agrava a escepcionalidade da situación política que estamos a viver: un governo ineficaz e incompetente e un presidente que se nega a informar no Parlamento e a someter-se ao seu control. No BNG estamos decididos a forzar o debate que a situación esixe, un diálogo sitematicamente demandado por nós, e cremos que por toda a cidadanía galega. Eu persoalmente, no debate do Estado da Autonomía do pasado outono, reclamei ese diálogo e ofrecínme a telo co presidente da Xunta, sempre que empezase por ter lugar no propio Parlamento. Non houbo resposta nen cambio de actitude do Governo a respeito da sua relación coa Cámara. A moción de censura é un procedemento normal en democracia, mais é unha medida extrema sempre que só se empregue cando a situación o require. Na extrema situación actual, na que o presidente da Xunta inviabiliza os demais mecanismos de control parlamentar, tería constituido unha irresponsabilidade política non utilizar ese procedemento. A apresentación desta moción xa ten activado o debate político, xa abocou ao presidente a cesar a un conselleiro e sobre todo a ter que someter-se ao xuízo do Parlamento por imperativo legal e a debater coa oposición. Estamos certos de que o debate que se aveciña exendrará unha clarificación que a opinión pública está a demandar e que confiamos en que os meios de comunicación contribuan a lograr. Penso que hai outras maneiras de facer as cousas, que o noso País ten as potencialidades e riquezas suficientes para iniciar procesos positivos que nos leven por camiños de progreso e benestar, para que poidamos exercer a nosa dignidade como povo, para que poidamos avanzar en democracia. Penso que existe unha Galiza emerxente, moderna, dinámica, unha Galiza capaz de coller as rédeas dos seus asuntos, unha Galiza consciente que conforma unha nova maioría social disposta a contribuir nun futuro próximo a un governo alternativo ao Partido Popular.