VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS
19 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Cando eu era rapaz as mazás tiñan becho. Eran pequeniñas. Vendíanas na praza as paisanas de Marcón en carabelos de bimbio. Hoxe, de tan lucidas, parecen de plástico, viaxan en tráiler, adminístranse en grandes conxeladores e chegan ó consumidor case que envoltas en celofán. O apetito tamén entra polos ollos, tal que explican os técnicos de márketing. Non hai máis que ver a televisión. A gran máquina industrial introduciu procesos que transforman radicalmente a realidade, para ben e para mal. Daquela tamén vendían o azucre en cartuchos, non en bolsas de plástico, e os nenos iamos á tenda coa botella de viño ou de aceite. «Póñame un cuartillo». Os ríos baixaban limpos, as ameixas da ría non tiñan mercurio, o salmón non viña de Noruega. Pero non todos podían comelo, e moitos pasaban fame. Velaquí a contradición en que vivimos. Os grandes temas do século que comeza (non me atrevo a falar de milenio) van ser o medio ambiente, a alimentación, a distribución mundial de recursos e os movementos migratorios, coa ringleira de problemas derivados que cada unha destas cuestións presenta: de identidade, de convivencia cultural, de sanidade, de supervivencia, de mobilidade social, de educación, de participación democrática... Nos primeiros anos 70 os expertos do Clube de Roma polemizaban co Instituto Tecnolóxico de Massachusetts sobre o modelo de progreso nas sociedades desenvolvidas. ¿Onde queremos chegar? Ou mellor: ¿en que dirección ou cara que clase de precipicio nos leva esta carreira frenética? A tese dos de Roma era o crecemento cero: deter a escalada de consumo no primeiro mundo e establecer liñas de intervención democrática para garantir a recuperación de danos e o equilibrio no planeta. A posición de Massachusetts, que foi a que triunfou na práctica, era a contraria: a tecnoloxía resolve os problemas que crea, deixemos que o mercado actúe. O problema das vacas tolas non é máis ca un capítulo desta cuestión estructural, profunda, que afecta ó modelo de desenvolvemento das sociedades occidentais e que se manifesta agora, por primeira vez, no corazón de sistema. Dicía hai pouco o presidente Fraga: forzamos a máquina da producción e do beneficio e empezamos a pagalo coas cousas de comer. Está por ver que saibamos reaccionar a tempo. Non é o único caso. Todo o mundo sabe que o que tiramos do mar trae dentro o que trae, non precisamente saúde. Greenpeace, a quen os intereses económicos multinacionais e algúns gobernos occidentais veñen calificando case que de terroristas, denuncia unha vez máis estes días o paso de material radiactivo altamente perigoso por diante das nosas costas. En dez anos, se alguén non o remedia, a Amazonia (pulmón forestal do planeta) ficará reducida nun 90%. A reserva de recursos naturais disponibles (incluídos os enerxéticos) seica non dá para máis de dúas décadas. O egoísmo dos poderosos quere impoñer restriccións ós máis pobres. Pero estes revólvense. Todo o mundo quere ser (ou vivir) coma o César. O lector desta sección sabe da miña aposta decidida pola modernidade. Máis debemos saber que a modernidade non é necesariamente o suicidio. Hai nove anos, a primeira vez que visitei Nova York, chamoume a atención a existencia, en pleno Manhattan, de boutiques de alimentación nas que se ofrecía unha froita de aparencia inferior á que podía verse nos mercados. ¡Tódalas mazás tiñan becho! «É a garantía de calidade», explicáronme. «Froita ecolóxica. Tres veces máis cara que a habitual». As paisanas de Marcón resucitaban.