AQUELA HOMENAXE A HUGH THOMAS

La Voz

OPINIÓN

Onte estiven na Coruña para asistir a unha conferencia de Hugh Thomas e participar despois nunha cea. Cando eu estudiaba en Santiago, Thomas era para todos nós o autor dunha historia da Guerra Civil española, editada en español en París, que só se podía mercar baixo corda na librería-portal de Eduardo Hernández, na Rúa do Vilar. Os libros prohibidos gardábaos aquel libreiro singular nun pequeno cuarto debaixo das escaleiras, ó cal unicamente tiñan acceso as xentes de confianza. Un día presentouse no local un señor pequeniño que conseguíu vencer a prudencia de Eduardo e fixo acopio dun lote bastante voluminoso de libros. Pagou a factura e deixou unha tarxeta, pedindo que lle enviaran o paquete ó Hostal. Cando o cliente se foi e Eduardo leu o que puña na tarxeta de visita, sentiu tal terror que pechou a tenda e marchou asustado para a casa. A tarxeta dicía simplemente «Pío Cabanillas», pero dábase a circunstancia de que aquel home era subsecretario do Ministerio de Información e Turismo. Como me contou o propio Pío anos despois, tivo que mobilizar a Roma con Santiago para localizar ó libreiro e convencelo de que non pretendía metelo no cárcere. Por entón, no Ateneo de Santiago organizaron unha conferencia precisamente sobre Thomas, que estivo moi concurrida. O conferenciante, gratamente sorprendido porque houbera tanta xente nova, empezou facendo un eloxio da xuventude sana, que tamén a había, segundo comentou, e logo lanzouse en tromba contra Thomas, a quen acusou de ser un historiador sectario. Nese momento, como se alguén dese unha orde, cousa que sen embargo non ocorrera, aquela xuventude sana levantouse de golpe e foi abandonando a sala lentamente, en silencio. Foi unha bonita homenaxe ó historiador inglés, da que el seguramente non soubo nada. Aqueles mozos protestarios tiñan tanta razón que Thomas falou onte nunha prestixiosa fundación da Coruña, non nun clube revolucionario e radical.