XOSÉ LUIS FRANCO GRANDE
18 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Na prensa galega apareceu unha proclama que levaba a pensar que fora escrita nunha grafía churrusqueira para chama-la atención, pois tiña moito de publicidade. Pero non; axiña nos decatamos de que era un texto ó que fora aplicado un reintegracionismo de mínimos, que tanto fire a estética da lingua como a ética da mesma. Ignorancia e atrevemento camiñan á par. Pouco importa a algúns que ningunha autoridade legalmente constituída exista en Galicia lexitimada para impoñer ou usar unhas normas ortográficas e morfolóxicas distintas das vixentes -agás a mesma autoridade que as promulgou-. Pouco importa que un partido político teña a obriga de contribuír á gobernabilidade do país, que non a crear máis confusión, que para iso xa tiñamos a lusistas, reintegracionistas e demais. ¿Haberá alguén que se imaxine ó PNV ou a CiU, por exemplo, prescindindo das normas ortográficas e morfolóxicas do vasco ou do catalán? Claro que non: non se lles pode apoñer nin ignorancia nin irresponsabilidade. Se algúen queda con ese mínimo sentido común que cómpre para andar polo mundo, que o use dunha vez. Porque, ¿qué nacionalismo é o que nos predican dende o BNG? ¿O da discordia? ¿ O da aceptación acrítica dun enxendro intelectual? ¿O de colaborar na destrucción do país? ¿O do antipatriotismo? ¿É ese o camiño para un intento de normalización do país?