Á MARXE / Carlos Casares
12 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.O mércores pasado pola noite, empapado como un pito pola chuvia que caía, achegueime a un deses caixeiros automáticos para recoller diñeiro, pois as miñas faltas de previsións monetarias facían que naquel momento non tivese nin para mercar os periódicos do día, que non lera. Con ese motivo fun proveerme dos fondos necesarios e logo dirixinme ó quiosco, pero cando chegou o momento de pagar non atopaba os cartos. Despois de mirar varias veces nos petos dos pantalóns, en todos os da chaqueta e nos dous da gabardina, cheguei á conclusión de que non levaba un duro, aínda que non sabía a razón. A cousa solucionouse porque a señora quiosqueira fixo un par de bromas, dirixiume unhas frases cariñosas e díxome que se sentía moi contenta de regalarme os periódicos. Naturalmente, tiven a sensación de ser un pouco ridículo e algo parviño, pois non levar trescentas pesetas no bolsillo convírteo a un nun idiota, nun tolo ou nun miserable, perspectivas todas elas nada airosas. Hai que recoñecer que o diñeiro, quero dicir as moedas e os billetes, son unha cousa antiga e sen sentido no mundo de hoxe. Pertenzo ó grupo dos que agardan desde hai tempo a súa desaparición definitiva. Contrasta esta reminiscencia histórica coa modernidade e a eficacia dos bancos. O xoves, por exemplo, recibín unha chamada telefónica desde a caixa onde eu retirara os cartos a víspera, para dicirme que, despois de facer a operación no caixeiro automático, me esquecera de coller o diñeiro, que quedara alí, pero non abandonado ó vintimperio para beneficio de outro, senón a bon recaudo. Non entendín nin cómo puideron saber que aqueles billetes eran meus, nin cómo averiguaron o meu número de teléfono. Comenteino logo, pola noite, cun amigo banqueiro e díxome: «Todo eso é moi sinxelo e non ten ciencia ningunha. A min o que me gustaría saber é cómo alguén pode ir a un caixeiro automático a retirar cartos e deixalos alí sen collelos».