«BIBLIOTECA DEL EXILIO»

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

09 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

A aparición desta colección literaria é un bo regalo de reis (de reis con minúscula, por seren republicanos). En efecto, a «Biblioteca del exilio» proponse acoller textos literarios, en edicións dignas e anotadas, dunha boa parte dos escritores que, por defenderen a República Española, víronse forzados ó exilio, no que moitos morreron. Gobernan esta biblioteca, atenta ás catro linguas oficiais de España, José Esteban, Abelardo Linares, Isaac Díaz Pardo e o profesor Manuel Aznar Soler, autoridade máxima no eido do exilio literario español. No comité asesor desta ambiciosa empresa de patriotismo ou civismo cultural figuran, ademais dun ilustre exiliado, Adolfo Sánchez Vázquez, estudiosos da erudición e do talante crítico de Carlos Blanco Aguinaga, José Carlos Mainer e Francisco Caudet. Son catro os volumes que acaban de saír do prelo: Artículos y ensayos, de Juan Rejano (en edición de Manuel Aznar); Fábula y vida, de Juan Chabás (en edición de Javier Pérez Bazo); En aquella Valencia, de Esteban Salazar Chapela (en edición de Francisca Montiel Rayo), e Poesía completa, de Lorenzo Varela (en edición de Xosé Luís Axeitos). Na programación acordada establécese que serán catro os volumes que se publiquen cada ano, nos que, en principio, un será de autor galego. Na próxima aparición, correspondente a este ano 2001, o escritor galego, que eu editarei, será Xosé Otero Espasandín, autor moi pouco asistido polos estudiosos e que reclama, hai moito tempo, a publicación dunha ampla antoloxía, sobre todo da súa obra en prosa, obra que vai sorprender, non pouco, á Consellería de Cultura, que tantas ausencias lle vén de facer. A Poesía completa de Lorenzo Varela, editada, prologada e anotada polo profesor Xosé Luís Axeitos, un dos nosos exiliólogos máis eruditos, é un volume que responde, claramente, ó título. Figuran nel tódolos poemas éditos de Lorenzo Varela -os casteláns e os galegos- e algúns poemas inéditos, seis (tres en galego e tres en castelán). O lector extragalego vai ter, con esta edición panespañola, a oportunidade de coñece-las páxinas de quen, como Lorenzo Varela, estaba dotado para o exercicio da poesía, se ben, no trafego dunha vida moi aqueloutrada, quizais non lle consagrou o tempo e a dedicación dun xénero literario tan esixente. En realidade, Lorenzo Varela entregou máis horas á prosa, moitas veces páxinas pro pane lucrando, tarefa tan presente en exiliados pobres. Aínda así, nesta parcela do seu labor literario (crítica de libros, crítica de exposicións...), hai páxinas excelentes e brillantes, como teremos ocasión de ver no volume de Prosa que xa ten preparado o profesor Axeitos, o seu mellor coñecedor.