Á MARXE / Carlos Casares
08 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.Estiven falando por teléfono cun fillo dese señor ó cal me referín aquí o outro día e que nunha ocasión me dixo que el, cando os seus nenos eran pequeniños, lles comía as vitaminas. Naturalmente, o fillo aclaroume que eso non era certo, e confesoume que estaba de acordo en que aquel home, que presumía de malo, non o era en absoluto, só que lle gustaba dar esa imaxe, incluso na casa, cando estaba a soas coa familia. Non me sorprendeu a aclaración porque, como teño comentado, a xente adoita ser o contrario do que parece. Recordo a sorpresa que levei cando un dos traductores de Olof Palme, o primeiro ministro de Suecia asasinado por un desequilibrado nunha rúa de Estocolmo, me dixo que o célebre político fumaba como unha chimenea. Nunca, sen embargo, ninguén o viu en público cun cigarro na boca. Os seus inimigos dirían que se trataba dun rasgo típico da hipocresía do personaxe. Os seus amigos, en cambio, estarían máis inclinados a entender ese xesto como unha proba de sensibilidade social. Algo parecido a como se podería valorar, desde campos distintos, a José María Aznar, que presume de frío, o día que rachou unha porta a patadas, tal como contou un periodista. Supoño que haberá algunhas excepcións a esta regla, válida para o meu uso doméstico, de ser distinto do que se aparenta. Por exemplo, Enrique Líster presumía de bárbaro e debía ser bastante bruto, se son certas, como parece que o son, as cousas que el mesmo contaba, especialmente aquela historia que lle inventou a Carrillo, para denigralo, acusándoo de ter estrangulado á súa primeira muller cun cable da luz. Outro tanto se podería dicir de Hitler e a imaxe de tolo que daba nos seus discursos, con aqueles berros de cabra histérica que pegaba e os ollos descontrolados de home feroz que puña. Lendo a biografía de Kershaw, tan obxectiva e documentada, vese ben que xa de adolescente, o futuro tirano estaba como unha caldereta.