CIVILIZARSE UN POUCO

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

07 ene 2001 . Actualizado a las 06:00 h.

Esta obriga voluntaria que teño de comparecer aquí todos os días lévame a andar sempre cun ordenador portátil. Normalmente, eso non me crea ningunha incomodidade, en parte porque un acaba adaptándose a todo, como eses paxaros que no Atolón de Bikini sobreviven baixo terra, convertidos nunha especie de toupeiras con ás, por culpa das radiacións ocasionadas polas probas atómicas que se fixeron naquel lugar na guerra fría. Pero hai veces, especialmente nas viaxes, que o transporte do aparato se convirte nun incordio. O ano pasado, cando andiven por Europa adiante, no tren dos escritores, houbo días en que me entraban ganas de tiralo pola ventá de calquera dos dezanove hoteis nos que residín no mes e medio que durou a aventura. Os Reis, apiadándose de min, botáronme un aparato novo que cabe nun bolsillo e que pesa uns douscentos gramos. Como me gustan os xoguetes, síntome como se me regalasen unha bicicleta ou un patinete. De xeito que nas primeiras horas me dediquei a explorar as posibilidades do artiluxio e fixen varios debuxos: unha cobra, unha rapaza con pinta de troupeletrou, un cura gordo voando polo ceo para meterse cun bispo e outras cousas polo estilo. Non minto se digo que estou agardando que me xurda unha viaxe para experimentar a ledicia de prescindir do maletín co ordenador e levar este novo instrumento metido no peto da chaqueta. Sen embargo, empezo a sentir tamén certa alarma, pois ademáis do aparatiño, terei que transportar comigo outros obxectos: o chaveiro, a carteira, o teléfono móbil, a axenda, a petaca dos puros, un bolígrafo, o moedeiro, a gorra para a chuvia... É dicir, unha batería cumprida de cousas que ameazan con convertirme nun individuo deforme, con bultos por todas partes, como se fose un ladrón de grandes almacéns, cos bolsillos ateigados de productos roubados. A non ser que me civilice un pouco e prescinda de todo. Pois todo é prescindible.