VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS
29 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Recentemente tiven ocasión de discutir en Madrid, arredor dunha cea cordial de amigos, esta realidade política que chamamos España, e que Castelao gostaba de escribir con H Hespaña, para diferenciala da España intransixente, ríxida, unidireccional e fundamentalista que nega as diversas identidades que a constitúen e que historicamente a reaxustan. Xa coñece o lector a miña preferencia polas distancias curtas neste tipo de reunións. Distancias curtas para fortalecer o debate, para matizar e comprender, mesmo para lle mirar ós ollos á outra parte, que é todo o contrario do púlpito e a tribuna. Había un ex-ministro da UCD, agora no Partido Popular, tres presidentes de fundacións, un editor, un deputado de CiU e máis quen subscribe. Irremediablemente, o debate entrou na organización (perfectible) do Estado das autonomías, no posible papel das comunidades nacionais na construcción da nova Europa e na vixencia da Constitución do 78. Irremediablemente tamén, acabamos falando de ETA. «O problema de ETA non son unicamente os mortos, cuestión moi grave», apuntaba Ignaci Guardáns, deputado catalán, «senón o feito de que a súa existencia impida calquera discusión posible. Desapareceron os matices. Ou estás dun lado ou estás do outro. E sen embargo todos sabemos que a realidade está feita de matices». Esta é a pobreza (ou simpleza) da situación que vivimos. Desapareceron os matices. Tal é a trapela ou o pozo no que o terrorismo nos ten metidos e do que se aproveita o Partido Popular. Velaí se non as declaracións recentes do ministro Mayor Oreja, previsible candidato a lehendakari, cando anuncia que o pacto asinado polos partidos maioritarios no Parlamento español é unha acción política dirixida fundamentalmente contra o nacionalismo. ETA tamén xoga a iso. Todos iguais. Todos revoltos. A decisión do BNG no Concello da Coruña e máis na Deputación de Pontevedra de posicionarse do lado do pacto antiterrorista, incluso por riba das críticas obxectivas que a redacción de certos puntos do mesmo merece, é unha decisión de madurez e de intelixencia política. Hai tempo que o BNG, igual que CiU, igual que o propio PNV e as forzas democráticas do nacionalismo vasco, insisten na súa posición de paz e rexeitamento inequívoco do terrorismo e de calquera forma de violencia. Nada se pode impoñer pola forza. Ningunha idea. Ningún modelo. O terrorismo é a negación da democracia e atenta contra o primeiro valor do ser humano, que é a vida e a liberdade de pensamento. A trampa, sen embargo, consiste en non querer escoitalos e pretender impoñer o discurso unidireccional como única solución posible, encarnando nel dun xeito exclusivo (e excluinte) os valores democráticos. Non todos temos a mesma idea de España. Aquí si que hai diferencias obxectivas, incluso entre o PP e o PSOE. Discutir España (ou Hespaña), igual que discutir as razóns dos pobos que a configuran, é un dereito inalienable, un debate necesario (non cerrado) sobre o cal debemos construir o futuro, non sobre esencias eternas, que non existen, nin sobre principios sagrados, incompatibles coa modernidade laica. Negar ese dereito ou pretender acurralalo con sofismas interesados, práctica bastante común no Parlamento español, é un fraude democrático diante do cal cómpre tamén reaccionar. Pero dende dentro, escollendo o momento e, sobre todo, clarificando as posicións. Hoxe máis ca nunca é necesario. Entre outras cousas para non ficar entalados.