CASTELAO: AMOR E HEMEROGRAFÍA

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

26 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Antes de que finalice o quincuaxésimo cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, quero publicar (facer pública) a noticia dun achado documental que -estou certo- interesará a estudiosos e curiosos. Para chegar a el abondou con consulta-lo Catálogo de manuscritos da Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago (1998) e reparar, na páxina 223, na ficha 630, que remite á caixa que garda os Papeles de Adolfo V. Calveiro (1951-1968). O señor Calveiro, que emigrou a Cuba antes da Guerra Civil, foi, na Illa, unha persoa moi activa na vida societaria galega e unha pluma moi importante na prensa da nosa colectividade. Como tantos galegos residentes en Cuba, sentiu paixón pola figura de Curros Enríquez, e hai aspectos da súa vida e da súa obra que tratou con nova erudición. Esa foi a razón pola que me carteei con el en xaneiro de 1967, correspondencia xenerosa, pola súa parte, que me foi moi útil. Pero na caixa 630 no só hai documentación sobre Curros Enríquez senón sobre outros escritores galegos, Castelao entre eles. Nun volume, encadernado, figuran ducias e ducias de recortes de periódico que se refiren á morte de Castelao acaecida en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. O señor Calveiro fixo un traballo de formiga erudita e devota: ¡case non falta nada! Abundan as páxinas publicadas na prensa americana (Arxentina, Cuba...) pero non faltan os textos publicados nos xornais da España de Franco, que son merecentes dunha Memoria de Licenciatura. O historiador Carlos Fernández, tan experto no tema, publicou hai anos a consigna da Dirección Xeral de Prensa na que se preceptuaba ós directores de xornais que o finado só sería gabado como humorista, literato y caricaturista e, en canto ó ideario, «se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquélla fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados». El Pueblo Gallego, na breve nota necrolóxica do 10 de xaneiro, é fiel a este precepto: «...al recordar al Castelao anterior a 1936, tenemos que pedir la misericordia de Dios para sus últimas y lamentables actuaciones...». Xornal houbo, na Galicia do sur, que se limitou a este texto: «En el Centro Gallego de Buenos Aires ha fallecido el caricaturista galego Alfonso R. Castelao». O fondo documental do señor Calveiro, obrante na Universidade de Compostela, contén pequenos tesouros para curiosos e eruditos.