VÍCTOR F. FREIXANES VENTO NAS VELAS
08 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Disque era Churchill quen dicía que a diferencia entre un optimista e un pesimista está en que para o primeiro calquera calamidade é unha oportunidade, mentres que para o segundo (o pesimista) toda oportunidade é sempre unha calamidade. No meu artigo da semana pasada fixen unha defensa do optimismo, a pesar dos tempos que corren, e algún lector amigo mo reprocha. «¿Non le vostede os xornais?». Leo. E diante das calamidades, cómpre saber reaccionar. Pola capacidade de reacción ou de resposta que unha sociedade ten diante dos acontecementos atravesados (ou non previstos), mídese a súa vitalidade. Sospeito que este artigo de hoxe vaime saír de doutrina. Disimule o lector, que xa verei de compensalo noutras semanas. Volvamos ás vacas tolas, por poñer o caso. ¿Cal é a lección a tirar? Primeira, a alimentación e os productos derivados do sector primario (potencialidade obxetiva do país) empeza a ser asunto de alta sensibilidade social, tanto maior canto máis elevado sexa o nivel da sociedade. Non falo só de Galicia, falo de Europa e os mercados exteriores. Segunda, tal sensibilidade social tradúcese en maior demanda e, sobre todo, en demanda cualificada, o que supón un imporantísimo valor engadido: productos de calidade para un consumo de calidade. Terceira, a calidade hai que garantila con planificación, control, seguemento esixente dos proceso e estabilización do modelo industrial, formando os productores e dotando de recursos as empresas para que se incorporen a esta nova realidade. Cuarta, os mercados sostéñense sobre a credibilidade. Unha política de comunicación intelixente debe saber tirar partido tamén das situacións críticas que se presentan. O que dicía Churchill: converter as calamidades en oportunidades. O sector da carne en Galicia viña ganando posicións nos últimos anos. Se algo ten Galicia que ninguén discute (ou non discutía ata agora) é o recoñecemento da calidade dos seus productos naturais. Ora ben, tal calidade viña fundamentada historicamente no primitivismo das nosas explotacións: explotacións domésticas, grelos na leira familiar, o porquiño criado na casa. Os tempos impoñen outro modelo. Tenreira galega, por exemplo. Carne con carnet. Dar co equilibrio entre a capacidade dos procesos industriais (que esixen concentración e unha estandarización mínima) e a identidade de marca é o segredo dos novos tempos e da nova economía da que falamos. Aquí a administración ten unha responsabilidade grande, potenciando iniciativas, animando estratexias e actuando enerxicamente contra aqueles que, por picaresca ou cobiza, viven instalados na cultura do atallo. O medio ambiente é un valor obxectivo en alza. Non podemos pretender vender marisco ou peixe fresco das rías nos mercados de Madrid, Barcelona ou Europa e pechar os ollos diante do estrago progresivo, e non corrixido, do noso litoral. O diñeiro da Unión Europea, que está entrando en cantidades non sempre transparentes, debería servir para dotarnos de infraestructuras e mais para sanear de raíz o noso contorno ecolóxico, fonte primeira da nosa principal riqueza e mesmo da nosa calidade de vida. Non é un capricho elitista, é un investimento de futuro, cando non unha elemental cuestión de supervivencia. A firmeza e o control dos productos que vendemos (e exportamos), se somos coherentes na súa aplicación e sabemos comunicar a eficiencia das medidas, aínda que agora nos amolen un chisco, debería converterse en factor clave desa calidade e credibilidade necesarias para crecer e manter o liderato nos mercados. Hai quen di que a cultura (e a literatura) nada ten que ver con isto. Discrepo. Un país moderno ha ser, necesariamente, moderno en todo, comprométenos a todos, e afecta tanto á economía do rural, en irremediable proceso de transformación, coma a calidade dos sonetos.