CÁNTIGAS PARA BASILIO LOSADA

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

05 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

O profesor Losada, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Barcelona, acaba de xubilarse. Basilio Losada, alén do seu oficio de profesor, exerceu en Barcelona, durante varias décadas, outros oficios, todos con excelencia: traductor, prologuista, conferenciante, descubridor de voces literarias valiosas e inventor («inventor» da súa prodixiosa biografía). Por outra parte, Basilio Losada, o emigrante Basilio Losada, exerceu con decoro e brillantez o papel de embaixador de Galicia en Cataluña anos e anos, incluso nos tempos de Franco, tan difíciles para a lírica e tamén para a diplomacia. Basilio Losada, que é un fabulador oral egrexio, está preocupado, como teórico e como profesor, pola oralidade. Para disertar sobre este tema, nunhas xornadas de homenaxe ó profesor (e narrador) Losada, fomos convocados en Barcelona, a semana pasada, Carlos Casares, Suso de Toro, Cándido Pazó e máis eu. Na aula, sempre ateigada de alumnos, ex-alumnos e profesores, o afecto -o agarimo- á persoa e á palabra de Basilio Losada convertía cada sesión nunha xubilación xubilosa. Eu disertei sobre o cancioneiro popular galego da tradición oral. Hoxe, xa desaparecidos certos espacios literarios da oralidade (o fiadeiro, a lareira...), algúns textos do vello cancioneiro popular da tradición oral son obxecto dun rifacimento especial para axeitalos á realidade política de certos momentos. Celso Emilio Ferreiro, en 1963, cantou, para unha editorial italiana antifranquista (Einaudl), este aggiornamento: «Santo Cristo de Fisterra, / Santo da barba dourada, / axudádeme a pasare / a negra noite de España». Eu mesmo, cando me acollo ás musas republicanas, refago a cántiga dos xastres de Monterroso desta maneira: «Se ti víra-lo que eu vin / na feira de Monterroso: / trinta poetas monárquicos / dacabalo dun raposo». Aclarei nesa conferencia de Barcelona que, xa antes, os franquistas retocaran certas cántigas con criterios políticos e propagandísticos. No opúsculo bilingüe Cantares e Himnos. Crucero «Almirante Cervera», publicado en Ferrol (aínda non era «del Caudillo»), no ano 1937, figuran rifacimenti desta fasquía irónica: «O río cando vai cheo / leva carballos e follas; / tamén podía levare / marxistas, que é xente boa». Ofrecinlle a Basilio Losada esta primicia erudito-política, pois ninguén ten falado deste curioso opúsculo, que proba, unha vez máis, que Franco, hostil ó Estatuto de Autonomía de Galicia, consentía certo tipo de literatura en galego. Eu debo copia desta curiosísima peza bibliográfica a Guillermo Escrigas, sabio e xeneroso furón no universo do papel impreso.