CONVERXER

La Voz

OPINIÓN

X. L. FRANCO GRANDE

03 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Un amigo vasco, moi próximo ó PNV, dime que no tocante ó problema de Euskadi non ve diferencia entre as ideas que campan na prensa da caverna e na suposta prensa progre, coma o «diario independiente de la mañana». Porque uns e outros converxen en poñer en circulación as mesmas irracionalidades. E así é, paréceme. Pois uns e outros veñen converxer na creación dun mesmo tópico para consumo xeral: parentela entre PNV e ETA, suposto apoio do nacionalismo á violencia, e meter no mesmo saco nacionalismo e terrorismo. Prensa que no fondo, e aínda nas formas, converxe tamén coa nefasta política do Goberno central no País Vasco. E con outras actitudes máis -Rosa Díez, por exemplo- que nunca comprenderán que a grandeza da democracia é o pacto e non o frentismo. Son moitas as explicacións que se poden dar a estas curiosas converxencias; a irracionalidade carpetovetónica, inimiga de calquera forma de nacionalismo que non sexa o español; señoritismo madrileño, que se sinte incómodo ó descubrir que o mundo é máis complexo que aquel no que está frivolamente instalado; simplificación política tendenciosamente escollida con finalidades electorais. En calquera caso, irracionalidade sempre ben acollida porque dispensa do máis elemental sentido crítico. Pero hai un feito que desacouga: a estraña converxencia entre progres e cavernícolas.