RAÚL VEIGA
02 dic 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Eu prométolle á miña nai tódalas semanas que non vou escribir sobre a política e, por moito que faga, sempre acabo rendéndome ante o encanto dos homes públicos. Non podo evitalo. Mais hoxe estou de bo xorne. Vou falar de políticos foráneos e, antes de máis, co obxecto de eloxiar tertulias, columnistas e medios informativos. Estamos dando ó mundo un exemplo de discreción e de elegancia que non será esquecido polos nosos amigos americanos. Ocasión coma esta nunca máis a pillamos: a democracia puritana do Mayflower resulta ser un pandemonio de trapelas legais e extralegais á altura da España de hai cen anos (Cánovas tería moito que aprenderlle a Bush). E nós calamos, miramos para a casa e nin sequera facemos chistes. Perdoen, os políticos si, pero cando os políticos queren facer de humoristas perden a gracia natural que os acompaña en tódalas súas actuacións. Nós non facemos chistes porque estamos atarefados nun empeño de altura. Nun xesto que moito nos honra e correspondendo ó sumiso esforzo das vacas por seren carnívoras, imos pasando todos a ser herbívoros. Imaxino unha Galicia futura de filósofos remoendo campos de verdura. ¡Que paz! Tódolos signos van nesa liña. Por iso xa non me preocupa o agoiro que pronunciou hai semanas un dos nosos máis admirados munícipes (non era un chiste): preocupado polos excesos nacionalistas no ensino da historia, o prócer avisou de que dentro de vinte anos vai haber unha guerra... A min pareceume que estaba oíndo os vellos de antes. ¿Será que os políticos tamén teñen data de caducidade? ¿E onde? Porque eu non lla acabo de ver.