Á MARXE / Carlos Casares
29 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Estou convencido de que unha cousa non é difícil de crer porque sexa increíble, senón porque estea mal contada. Gustaríame, polo tanto, saber contar algo que me sucedeu onte, pois resulta difícil de crer. E sen embargo foi certo. Ía eu pola autopista de Baiona a Vigo, conducindo a unha velocidade moderada debido a que, pouco antes, diante do cruceiro de Mañufe, acababa de ver os restos dun accidente: garda civil, ambulancia e xente agrupada arredor de dous coches destragados. Sempre ocorre que, en circunstancias así, nos minutos que seguen, se baixa a marcha, aínda que por pouco tempo. Supoño que hai un mecanismo de supervivencia que leva a esquecerse dos accidentes; en caso contrario, paralizaríase o tráfico. De pronto, cando ía pensando nestas cousas, fixeime que circulaba polo kilómetro 13. Nese momento, dunha maneira case automática, veume á cabeza un pensamento estúpido que tratei de desbotar para non sentirme idiota. Non fun capaz porque vin que o reloxio marcaba as 11.13. Cando me ía botar a rir, o termómetro dixital anunciaba unha temperatura de 13º. E aínda que me dea vergonza, direi que o conta kilómetros parcial do coche estaba no número 13. Xuro que é certo e acepto de antemán as bromas dos amigos, pero foi tal como digo. A partir de aquí podería construír calquera historia, pero tería que mentir. Sen problemas A verdade é que non pasou nada máis. A mañán transcorreu ben, sen problemas, tiven un xantar agradable cun grupo de amigos e volvín para a casa con normalidade e sen sobresaltos. Acordeime só de que en Nova York os ascensores non teñen nunca o número 13, pois pasan do 12 ó 14, e que coñezo a varias persoas que cando o martes coincide con ese par de cifras, non saen á rúa... Debe ser unha maravilla crer nesas cousas, aínda que perturben, porque tamén convirten a vida en maxia. Hoxe, en boa lei, tíñame que pasar algo. A non ser que fora eu o causante do accidente que vi. Non sería lóxico.