CRÓNICAS INCONFORMISTAS DA FIN DE SÉCULO / Isaac Díaz Pardo
26 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Xesús Alonso Montero recordou máis dunha vez que a min góstame falar de causas xustas ao coincidir con quen aman a xustiza social. Eu non fun o inventor deste termo. Funo elexindo inconscentemente desbotando por descriminación negativa outras definicións que me pareceron menos representativas do que queren significar. Quen quere millorar a situación de tódolos homes e mulleres nas súas condicións morais e materiais, é dicir, quen quere millorar as condicións dos povos desfavorecidos, e que non existan crases dominantes e crases dominadas, crases que o teñen todo e crases menesterosas, quen, digo, pretende unha xustiza social millor, defínese como xente de esquerda. Ser de esquerda ven de que quen a representan séntanse á esquerda de quen presiden o hemiciclo. Así, aínda que o esquerdismo agrupe aos que queren imprimir aos acordos unha millor xustiza social elo non se corresponde semánticamente coa función que estarían a comprir, e dígoo así, en condicional, pois tratándose de seres humáns, un non pode estar seguro que sexan sinceiros e representen de verdade a función que lles corresponde por ficar na esquerda da asamblea. Sabemos dalgúns que se titulan de esquerda e que son máis cavernícolas que a nai que os pariu. Sabemos de algúns que eran militantes comunistas con carnet, e que hoxe poden ser ministros de gobernos de dereitas recalcitrantes para os que non hai máis lei que a que se fixeron eles e que non admiten dialogar nada máis que con quen se somete a pensar como eles. Iste cambio tan radical prodúcese porque os títulos, non teñen por que representar realidades concretas. Ás veces trátase de simples posturas engaioladas porque poden estar de moda, ou entrar na órbita duns intereses. Eu, que tiven fama de roxo impenitente, aínda palidiño e pouca cousa que son, cando se creía que viña o comunismo tiña máis amigos que cando se comprobou que o comunismo non viña. Falando de comunismo situado no extremo á esquerda do hemiciclo, creendo que elo representa o máximo da xustiza, como en Platón ou en Jesucristo, de pronto vimos que ise ideal de xustiza pérdese entre a realidade do que somos os humanos, recén saídos da selva onde non hai máis lei que a de apropiarse do que nos sexa máis fácil aínda que sexa alleo, sen máis limitacións que as que nos poñen por diante. (Verdadeiramente esta lei non ten cambeado moito, aínda que si tense tecnificado para disimular a súa natureza). No extremo oposto do hemiciclo, á dereita de quen presiden a asamblea, fican os que non queren chamarse de dereita, porque tal calificativo non ten boa prensa dende hai máis de medio século, e prefiren ir por vieiros que non se distinguen por sumar experiencias históricas. Os que están nese lado, sempre en xeral, prefiren chamarse conservadores do statu quo das cousas, apoiadas nunha teoría arcaica que fomenta unha certa liberdade das ambicións humanas que, de xeito invisible, crean tamén riqueza, e isto pode ser positivo se non aparecen outras formas racionais de crear riqueza. Por todo, eu prefiro encontrarme nas causas xustas que buscan outros, dentro dese equilibrio de ideais e realidades que nos condicionan, sen definicións descriminatorias que desacalifican e dividen.