NOVA LECTURA DE CAMUS

La Voz

OPINIÓN

FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

24 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Tiñamos case esquecidos a figura e a obra de Albert Camus. Pasaron os tempos nos que o escritor cobrara grande actualidade. Fomos daquela devotos da súa literatura. Para reverdecer os xa vellos días nos que gostabamos dos libros que líamos con devezo, parámonos a reler algún deles. Así La Chute, no que o autor renunciaba ó paradóxico, pero sistemático optimismo dos seus volumes precedentes. Esperanza nacida da desesperación, da que eran proba baixo formas diversas: o Mythe de Sisyphe, La Peste e L''Homme Révolté. Non era que renegase das súas tentativas pasadas para reducir á medida do home, a desmedida que o esmaga. Pero abandoaba un momento o seu esforzo para coller un pouco de alento e queixarse novamente. Sísifo, doente, desesperado, non era tan ditoso como quería probárese a se mesmo para non desesperar. Precuraba outra posición para durmir ou desterrar a súa dor. De aí o fermoso libro que escribiu, mesmamente desde o Mythe de Sisyphe. Outro tanto sucede con L''Etranger, no que a culpabilidade dos inocentes, que todos nós somos, constituía xa o verdadeiro asunto. Para facérnolo comprender, Camus escolleu un culpable: o autor dun asasinato. Amplificación que permitía facer admisible primeiro a culpabilidade. Despois a inocencia. A dicir verdade, Meursault, o que matou, se non acadaba sentirse responsable do accidente, non se estimaba por elo menos culpable. Pero dunha culpabilidade anterior ó crime. Desde as primeiras páxinas deste libro, mentras vela á súa nai morta, descobre súpetamente ós pensionistas do asilo reunidos con el, ó redor do cadáver: «Durante un momento, tiven a impresión ridícula de que estaban alí para me xuzgar». Máis adiante, pero aínda antes do drama, pensaba no momento de se xustificar por unha falta a unha régoa de decoro: «Esto non significaba nada. De tódolos xeitos sempre se é un algo culpable». Defendíase no libro unha tese que o autor non deixaría de expor baixo diversas formas: a vitoria do home, proclamada por el no seo da súa derrota. Artificio, pero conmovedor, no que a debilidade da novela descobre a forza moral do novelista. Este home «só» é aínda o de La Chute. Pero en La Chute explícase gracias a unha facilidade de elocución, que agora corresponde ó seu personaxe. O autor quixo representar a Clamance aínda máis abandoado e desprovisto de todo, que o criminal de L''Etranger. As súas faltas aparecen menos, pero máis amocadas, porque foron vividas e asumidas con riso. Ese riso que ouviu unha noite Jean-Baptiste Clamence, era a do seu desprezo por si mesmo.