TERESA GARCÍA-SABELL TORMO
22 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Non é doado falar en tempo pasado de Ernest Lluch porque a súa vitalidade e enerxía son incompatibles co terrible impacto da súa desaparición. A nosa amistade comezou hai máis de trinta anos en Córdoba onde coincidimos na Conferencia de países socialistas ibéricos. Alí vin por primeira vez a Ernest que representaba a Cataluña. Naquel mesmo encontro coñecín tamén a Recalde, que asistía por Euskadi. Os dous, comprometidos coa loita pola liberdade no crepúsculo do franquismo e posteriormente na construcción da democracia. Era frecuente velo en Compostela, onde estivo moi vinculado á Facultade de Económicas desde os seus inicios na etapa pre-democrática. Mesmo sendo xa ministro do primeiro gabinete de Felipe González atopaba tempo para acudir a Santiago e formar parte dun tribunal na súa calidade de catedrático de Historia Económica, ou sinxelamente para acudir á chamada dun dos moitos amigos que tiña aquí. A nosa relación pasou axiña do político ó fraternal. A súa personalidade, as súas cualidades humanas, as súas conviccións, o seu sentido da ética, facían del un ser fóra do común. Alguén de quen aprender e un amigo ó que acudir. Agora é inevitable un sentimento de saudade para o amigo que perdemos, pero tamén é tempo de rumiar unha dor profunda e airada. Porque o home que foi quen de crear o actual sistema público de saúde, o melómano apaixonado, o lector insaciable, o docente entregado ós seus alumnos, o culé barcelonista e amante do deporte, foi cidadán exemplar e persoa irrepetible. ETA sabe moi ben a quen mata e cando debe facelo. Se perseguía impresionar a unha opinión pública que semella afeita xa a este tipo de noticias, conseguiuno, porque Ernest significaba moitas cousas á vez. Por ser un exemplo a seguir para os que cremos na democracia e na necesidade de chegar a un entendemento que rache coa fractura que vive Euskadi, era ó mesmo tempo, un pésimo exemplo para os seus asasinos. Esa é a mellor homenaxe que se lle pode render á súa memoria.