UN CANALLA NORMAL

La Voz

OPINIÓN

No pasado mes de outubro, cando estiven en Fráncfort, contei aquí cómo non puiden asistir á presentación do libro sobre a vida de Leni Riefenstahl, nin ver en persoa, polo tanto, a esta muller de 97 anos que me fascina desde os meus anos de estudiante, cando souben da súa existencia. Xa me pasara algo semellante en Berlín, noutra ocasión, que tamén perdín, por culpa dunha conferencia miña, unha charla que daba ela, á mesma hora, a moi poucos metros da sala na que falaba eu. En Fráncfort conseguín, sen embargo, que me permitisen botarlle unha ollada ó libro, un exemplar único que tiñan na caseta da editorial e que só puiden consultar baixo a mirada vixiante dunha rapaza, preocupada porque non llo roubasen ou algo así. Desde hai un par de días dispoño xa da citada obra. Onte dediqueille algún tempo, non só a ese título, senón tamén a outros que teño referidos á mesma señora. Confeso que eu son dos que creo na súa versión sobre a relación que tivo con Hitler, por máis que non disculpe o seu comportamento. Está claro que non foi a súa amante, senón a súa amiga, e que tampouco me costa crer, como ela afirma, que lle reprochou varias veces o seu antisemitismo. O que máis me interesa de todo esto, á parte da personalidade artística de Leni Riefenstahl, as súas películas e as súas fotos, é a versión que nos dá de Hitler na intimidade, que aparece como unha persoa normal, non como un tolo. A min sempre me costou aceptar a visión daquel home como un demente ridículo, que contradice a convicción que teño de que a maldade, a ruindade ou o encanallamento, incluso a monstruosidade, son compatibles coa máis absoluta normalidade. Resulta fácil odiar a un Hitler que bota sangue pola boca, pero non ó home educado e tranquilo que aparece nas conversas con esta muller, ferido por un amor frustrado e indignado polos crimes da Inquisición. É este ser normal, non aquel fantoche, o que me resulta repulsivo.