VISITA A SAN SEBASTIÁN

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

15 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Achegueime a San Sebastián, ou Donostia, como din os vascos, para participar nuns encontros de críticos e narradores organizados pola UNED. Nada máis chegar á cidade, fun ó hotel para deixar as cousas, mentres os organizadores me esperaban abaixo. Fíxenos agardar máis da conta porque descubrín, ó mirar pola fiestra, que a miña habitación daba á praia da Concha e que ademais dispuña dun balcón enorme, colgado practicamente sobre o mar. Non puiden evitar a tentación de sentarme nun sillón e poñerme a contemplar eso que os libros mal escritos, feitos para turistas rápidos, chaman unha paraxe incomparable, é dicir, unha vista fermosísima. Non me pasou pola cabeza que facer esperar ós meus anfitrións puidese ser descortesía. Había tempo que non estaba en San Sebastián. A cidade atopeina chea de vida, con moita xente contenta polas rúas, fermosa e tranquila. Xa sei que esta imaxe idílica non se corresponde coa idea que temos dela desde fóra, pero as cousas nunca son tan rotundas como parecen desde lonxe. Xerusalén non é o inferno que se ve na televisión nin no interior do Vaticano se atopa a porta por onde se pasa desde a terra ata o ceo, previo un empuxón do Papa en dirección á santidade. Durante o xantar ó cal me convidaron os amigos, falamos de todo esto. Ó longo de dúas horas, incitados polas curiosidades que sentía, responderon ás miñas incertidumes e fixeron análises moi intelixentes sobre a situación do seu país, cada un desde o seu propio punto de vista, con matices baseados en diversas experiencias personais. Confeso que poucas veces oín falar deste asunto con tanta intelixencia e con tanto rigor. Tamén con tanta preoocupación e con tanta amargura. Agradecinlles a explicación. Logo, retireime un momento ó meu cuarto do hotel. Sentado de novo no balcón, recordei o que me dixeran. Pareceume todo tan claro, que me deu a sensación de non entender absolutamente nada.