OUTEIRO DE SAN XUSTO / Manuel Espiña
14 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Para xulga-la importancia deste congreso abonda con olla-los temas que vai debater: dereitos humanos en Europa e América; neocolonialismo; mestizaxe, emigración e exilio; perspectivas actuais do humanismo; lingua, imaxe e comunicación; Galicia, Portugal e América; V Centenario do descubrimento de Brasil, e Proxecto AULIGA. O mundo latino acada a cifra aproximada de mil millóns de falantes. Tódalas súas linguas gozan dun prestixio creador que as sitúa moi arriba na representación mundial do humanismo. A Asociación Internacional de Amigos da Universidade Libre Iberoamericana en Galicia (AULIGA) propón unha reflexión sobre os retos do mundo latinoamericano para estudiar algúns dos problemas que afectan hoxe a esta parte da familia humana. Con tal motivo, foron invitados ilustres representantes da cultura creadora, académica, social e política, estudiantes e público en xeral, a que evalúen estes retos latinos. AULIGA tamén desexa saber que opinan sobre a oportunidade e conveniencia de fundar conxuntamente unha Universidade Libre Iberoamericana en Galicia, que promova un foro de encontros anuais e sirva de referente iberoamericano entre Europa e América. Por iso, este congreso traerá á Coruña a eminentes personalidades e intelectuais de Europa e América, ata un número de sesenta, desde un bispo de Cuba ó embaixador da Comunidade Europea en Palestina, gracias á importante axuda dos concellos da Coruña, Culleredo e Rianxo, da UNED e da Fundación Caixa Galicia, coa colaboración das nosas tres universidades.