DÍAS ESCUROS

La Voz

OPINIÓN

VEINTE DÍAS DE NOVIEMBRE LOIS DIÉGUEZ, escritor

10 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Moitos mozos e mozas galegos vivemos en Madrid as primeiras experiencias políticas a respeito dun país, Galiza, que non coñecíamos. A Universidade, para nós, non estaba polos campos da Moncloa, senón na praza de Tirso de Molina, no Clube de Amigos da Unesco, onde un grupo de galegos oferecían nas mañás dos domingos debates sobre a História ou a Literatura galegas. Ben-cho-sei, Bautista Álvarez, Reimundo Patiño, un que non lembro o seu nome e que resultou da Brigada Político-Social..., eran os profesores que nos abriron realidades e certezas adormecidas. Houbo mañás que asistíamos cunha chea de grises amoreados nos jeeps ás portas do edificio. Fraga governaba no Ministério de Información e Turismo. Chegaban libros de poemas (os nosos primeiros libros) que a censura reducía e el tachaba. No Vietnan foi un dos que me cruzou, e aínda así era cantado pola universidade, ás agachadas, coa música que Voces Ceibes lle puxera. Denunciaba aos americanos, simplemente. Pero o pecado máis grave estaba na leitura do Sempre en Galiza, ao que Fraga debía profesar un ódio profundo. A Policía atopou-no na miña casa nun rexistro e houbo que pasar pola comisaría. Pero xa andábamos pisando o ano 75 e puden librar do cárcere. Quen nos diria que o flamante ministro franquista acabaría transformando-se en presidente da Xunta.