UNHA VIDA DE XESÚS EN GALEGO

La Voz

OPINIÓN

XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT

07 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.

Xesús está de bimilenario. En efecto, naceu hai 2000 anos, se os cronólogos non erran. A efeméride, dentro e fóra de España, está movendo a industria editorial, nalgúns casos para ben. Refírome á reedición de biografías tan importantes e distintas como as de Taciano, Fray Luis de Granada, Renan, D. F. Strauss, Riccotti e Carlos Mª de Heredia. Non sei se en Galicia católicos e protestantes farán algunha aportación neste xénero. Eu aproveito a efeméride para dar noticia dun texto, inédito durante décadas e digno de mellor sorte. Aínda que eu estou deixado da man de Deus, estou na Historia, e son profesor de Letras, razóns polas cales non hai texto literario ó que deba ser alleo. Nin debo nin podo. Dito o cal, declaro que posúo o orixinal da Estoria escolar de Noso Señor, vida de Xesús contada en verso por Antonio Magariños Granda, falecido hai anos. Consta esta biografía de 77 breves capítulos, distribuídos en 7 títulos; en total, 1.331 pareados consoantes de versos hexadecasílabos. Na obra, de 1962, aínda inédita, figura o Imprimatur (do cardeal Quiroga Palacios) e o Nihil obstat do doutor Andrés Lago Cizur-Goñi, censor a quen debemos hoxe o único comentario desta vida de Xesús, «sin similar para el que suscribe». En efecto, non tiña similar en lingua galega este libriño que o autor dedica «á memoria venerábel de don Ramón Cabanillas», dedicatoria moi xustificada: don Ramón, o gran poeta de Cambados _bo home, bo galego e bo católico_ sempre quixo escribir unha vida de Xesús, que, de feito, chegou a empezar (algúns apuntamentos exhúmoos eu no volume terceiro da Obra Completa). Na dedicatoria, Antonio Magariños Granda, mestre en Cambados, amigo e devoto de don Ramón Cabanillas, confesa que «leva a termo... o testamento do gran poeta». Estamos ante un orixinal esforzo literario de alguén moi relixioso que quere adoutrinar deleitando. Estrofas hai que recordan, pola inxenuidade, os xeitos poéticos de Gonzalo de Berceo. Esta, por exemplo, referida a Xesús neno: «Xoga, no medio das táboas, mentras que traballa o pai, / e faille sempre os recados, de contado, a súa Nai». Repárese no feito de que o autor, no limiar, declara que a obriña «vai escrita como si un neno contáralle a outro neno a estoria escolar, pra escolares, de Noso Señor». O censor gaba o carácter didáctico da obra, «medio excepcionalmente pedagógico de inculcar en la población rural la Doctrina Cristiana» (O subliñado, meu).