Á MARXE
06 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Onte falei deses dous señores que se desafiaron por unha cuestión de honor e contei un par de sucesos relacionados con esta práctica de outro tempo, que sempre tivo algo de chirigota, pero que hoxe resulta pintoresca. Pretendía, aínda que non me leran os protagonistas, darlles un consello. Sucedeu, sen embargo, polo que respecta ó desafío protagonizado polo periodista pontevedrés Prudencio Landín Tobío, referido como exemplo, que olvidei unha parte sustancial do relato, tal como aparece no seu libro «De mi viejo carnet». Repaseino despois de enviar o artigo e resulta que deixei no tinteiro algúns detalles que agora me decato de que son o miolo da cuestión. Por eso volvo hoxe polo camiño andado. Ademáis da historia da paisana que lles aconsellou a través dun dos padriños, con todo o sentido común do mundo, que se deixasen de parvadas e que fosen tomar o sol, e ademáis tamén do can furioso que irrompeu no escenario de repente e fixo fuxir ós dous contendentes con máis medo que gloria e co honor caído polos chans (só faltou que lle caeran os pantalóns), houbo outras circunstancias dignas de seren destacadas. Porque a historia non rematou cos dous espadachíns correndo perseguidos polo can, senón peor. Peor ou mellor, segundo se mire. Cando deixaron de correr, un dos padriños compadeceuse tanto deles, avergoñados como estaban, mirando os dous para o chan, sobre todo o que provocara o reto por sentirse ofendido, que acordou convidalos a un café con churros. Naturalmente, voltos ó mundo da realidade pola aparición teimuda desta, acabaron aceptando. De xeito que o que podía rematar en sangue, finou nun almorzo. Estivo ben, pero é unha pena que a realidade, como se fose unha Virxe María, non se lle apareza a máis xente, que tanto necesita dela. Aínda que non se trate dun asunto dramático, eu diríalles a eses dous señores que están empeñados en desafiarse, que coman un bocadillo.