FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO
01 nov 2000 . Actualizado a las 06:00 h.Repasando vellos papeis, batemos con textos de Xaime Quintanilla. Eran os tempos das Irmandades da Fala. Naceran estas como un movemento patriótico que tentaba espertar a conciencia colectiva para reivindicar os dereitos de Galicia como pobo con personalidade de seu. Xurdiran coa arela de chegaren a ser unha forza popular para enfrontarse á organización caciquil creada polo centralismo e servidora del. Quintanilla significouse moi axiña como elemento salientable do novo movemento. A comezos do 1917 aparecía xa como asiduo colaborador de A Nosa Terra. Encetou nas súas páxinas a publicación dunha serie de artigos baixo o título Do meu feixe. Combatía neles ós cursis, para quenes a fala non era precisa para a redención de Galicia. Laiábase de que os galegos descoñecesen a Portugal, tan vencellado ás nosas orixes. Atacaba a política centralista. Sinalaba o que de ensino para nós se producía na Europa daquel entón. A mediados de novembro do ano dezaoito celebrouse en Lugo unha asemblea das Irmandades. Confirmouse alí a existencia dunha forza ideolóxica identificada co pobo. Unha forza capaz de acadar, xunto coa autonomía, e a partir dela, a transformación da realidade económica, social e cultural de Galicia. Firmaron as conclusións, ademais de Quintanilla, Castelao, Cabanillas, Lousada Diéguez, Vicente Risco, Viqueira, Vilar Ponte, Ánxel Casal e moitos outros. Non foi só un idealista, senón tamén unha curiosa personalidade creadora da nova renacencia galega. Fundou na súa cidade natal, cun fato de amigos, a editorial Céltiga. Inaugurouse con Alén, unha peza teatral do propio fundador. Seguiu a este texto unha serie de breves narracións mensuais, de diversos autores, para os que fixeron atinadas tapas Castelao, Díaz Baliño e Imeldo Corral. As afeccións teatrais de Quintanilla xa se manifestaran con Donosiña. Sen embargo, ía ser Alén a máis característica. Pouco despois, publicou a noveliña Saudade, que cabería cualificar como de poema en prosa galega. Debemos sinalar tamén o interesante estudio sobre O saudosismo e o idealismo. E logo, as colaboracións na revista Nós, entre as que figurou o ensaio sobre O nazonalismo musical galego. Nos seus traballos ideolóxicos, desde 1917 a 1923, o escritor atribuíalle á fala a consideración de instrumento de loita. De arma imprescindible para atinxir unha autonomía espiritual e política, e unha cultura xurdiamente autóctona. Máis que pescudar no pasado, Quintanilla tentaba daquela dexergar o presente con ollada virxe: mirando ó país con lingua de seu, viva na inmensa maioría dos seus moradores. Un país de unidade xeográfica, económica, que só se podía trocar en pobo con alma, autoesculpíndose co cincel do propio estilo. Máis tarde, aínda sendo militante dunha disciplina política allea á Galicia, non desertou dos principios que inspiraron o seu labor primeiro. Seguiu sendo fiel á fala, e á personalidade diferenciada do seu país. Porque non podía esquecer que fora un dos iniciadores do movemento galeguizador. Lembrámolo hoxe, recuando a aquelas horas nas que labrou unha rexa actitude ó servicio da súa terra e das súas xentes. Finou dramaticamente, víctima da brutal represión do 36. Ó rememorar a súa figura, facémolo evocando aquela súa vella aspiración de que Galicia tiña un fin moral que cumprir: incorporar á grande obra cultural da humanidade a súa individual, diferenciada civilización. E, reciprocamente, que a humanidade a acollese como unha máis para a súa plenitude.