XOSÉ DÍAZ OS PASOS PERDIDOS
27 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Ollando a Living City (A Cidade Vivinte), a extraordinaria obra coral do arquitecto nortamericano Frank Lloyd Wrigh que estes días podemos ollar na Fundación Barrié na Coruña, é imposible ficar indiferente. Trátase dun gran soño, da utopía máis sublime e fabulosa imaxinada: a da cidade ideal, que fai felices e iguais ós seres que a habitan. Nela o arquitecto-demiur- go afronta a difícil tarea de argallar un espacio urbano sen opoñer resistencia ós retos do futuro, senón integrándoos abertamente, de maneira que o transporte mecánico, a comunicación electrónica ou as tecnoloxías constructivas avanzadas farán posible esa nova cidade. De seguir desenvolvendo a urbe de xeito tradicional aparecerá «un tumor de maligno crecemento... unha ameaza para a humanidade» (son palabras de Wright de hai case cen anos). E razón non lle faltaba, porque as cidades son hoxe tan inhumanas e incómodas que os que poden fuxen delas. Pero, mais que o modelo de cidade argallado por Wright, que agocha sen dúbida o soño americano, admiramos a súa capacidade de construir a utopía, analizando os problemas da súa época _a formación das grandes urbes_, así como esa vocación e vontade de facerlles frente, con solucións de gran calado social. Todo o contrario do que acontece hoxe, onde as cidades crecen en tamaño e minguan en calidade. O exemplo, aquí, onde menos de tres millóns de almas nos amoreamos en caos urbanísticos en liña coa mellor profecía malthusiana ¡nun territorio case tan amplo como Holanda! Nada mellor que ollar a Living City de Wright para sentir o que puidemos ser e non somos.