INHUMANIDADES

La Voz

OPINIÓN

CLAUDIO RODRÍGUEZ FER

26 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Como cada certo tempo, volve agora a polémica sobre as humanidades no ensino. Os que tivemos a desgracia de pertencer a un estado que se forxou case a imaxe e semellanza da Inquisición étnica, relixiosa e política, e que ademais pasou máis da metade do último século gobernado por dictaduras militares, non temos moitas razóns para crer que o interese sobre as humanidades non sexa o mesmo que o de Nebrija por facer a lingua compañeira do imperio invasor, que o de Felipe II polas pinturas do Bosco en condena da luxuria ou que o de Franco por que se levase ao cine a súa novela Raza. Por moi alleo que pareza ao humanismo máis integral, as humanidades foron habitualmente no ensino unha arma de propaganda autoritaria, nacionalista, racista, clasista e sexista, utilizadas co moi pouco humanitario fin de oprimir _cando non de exterminar_ os disidentes, os veciños, os diferentes, os humildes e as mulleres. Ben é certo que a non colaboración co sistema dunha parte do profesorado consciente e o fracaso habitual na transmisión dos contidos por falta de eficacia do profesorado ou por falta de interese do alumnado diluiu a miúdo o carácter oficialmente ideoloxizador das humanidades. Toda volta á concentración e manipulación dos poderes sobre a programación das humanidades só contribuirá a fortalecer posturas absolutistas, non tan distantes dos integrismos e totalitarismos que criamos superados.