XESÚS ALONSO MONTERO BEATUS QUI LEGIT
24 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Tamén se cumpren neste ano cen do nacemento dun gran xornalista, do coruñés Víctor Casas Rey. Desde moi novo militou na causa galeguista, e por galeguista foi asasinado en decembro de 1936. Non sei se algunha institución gobernamental, en Galicia, organizará algún simposio para estudia-la súa biografía política e literaria, e para honralo, 64 anos despois da súa morte. Coñecémo-lo testamento _se se me dá licencia_ de Víctor Casas, unha carta do 2 de novembro de 1936, extraordinaria carta, unha das poucas que existen dos fusilados galegos nese tráxico ano. O manuscrito autógrafo está hoxe nas mans _en boas mans_ de Isaac Díaz Pardo. Regaleilla eu en 1966, o ano en que se publicou, por primeira vez, no volume colectivo Galicia hoy (Buenos Aires, Ruedo Ibérico), arranxados por «Santiago Fernández» (Díaz Pardo) e «Maximino Brocos» (Luís Seoane). Libro de circulación clandestina en España, máis dunha vez interrompeu o sono de don Manuel Fraga Iribarne, que era daquela ministro de Información e Turismo do réxime de Franco. ¿Como chegou a min tan importante e conmovedora carta? Foi un regalo (arredor do 1964) que me fixeron Antía Cal e Antón Beiras, o noso saudoso camarada. O manuscrito estaba nun caixón calquera do estudio de arquitecto de Manuel Gómez Román, destinatario, como secretario do Partido Galeguista, da carta de Víctor Casas. Cando faleceu en Vigo o ilustre arquitecto, no ano 1963, un dos axudantes, moi consciente do que facía, puxo nas mans de Antón Beiras e Antía Cal aquel texto de tan elevado valor. E tan pronto como houbo ocasión, publicouse e espallouse. Na carta, datada no 2 de novembro de 1936 ó «irmán» Gómez Román, Víctor Casas fai algunhas reflexións políticas, e entre elas unha especialmente interesante: «Reorgaícen o Partido, o noso grorioso Partido, e xa craramente, pois non pode haber dúbida para ninguén, cun matiz netamente esquerdista dentro das esencias vivas da persoalidade de Galicia». De frustrarse a sublevación _como cría que acontecería, inxenuamente, Víctor Casas aínda en novembro_, o primeiro goberno autónomo galego, presidido por Castelao _o frontepopulista Castelao_ sería un goberno moi sensible á voz do pobo, á voz dos que sufrían a historia. O pobo _o pobo xusticieiro_ estaría dentro. Para impedilo, a gran dereita española protagonizou a sublevación señorita e cruel do Dezaoito de Xullo de 1936.