Á MARXE
20 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.De Madrid seguín viaxe ata Frankfurt para asistir á Feira do Libro. Non cheguei a tempo de ver e escoitar a Leni Riefenstahl, que presentaba aquí a súa biografía. Sentinno ben. Esta muller de 97 anos, que deixou o ballet pola fotografía, esperta en min sentementos contradictorios. Estou seguro de que non foi a amante de Hitler, como se dixo e como ela negou sempre con auténtica furia, estou tamén convencido de que nunca pertenceu ó partido nazi, pero dubido que nalgún momento non sentise simpatías por aquelo. Esa parte alónxame dela como do lume. Pero as súas fotografías, a súa propia personalidade, incluso a súa beleza deslumbrante, da que aínda lle quedan restos vivos, non me deixan indiferente. Todos temos contradiccións, incluso aqueles que aman a coherencia. Cando viña no avión para aquí, coincidín con Fernando Sánchez Dragó. Hai moitos anos, recordo que el era moi de esquerdas e nada relixioso; agora sente simpatías por todo o contrario. Díxome que ía a Irán e díxenlle que tivera coidado coa súa moza (unha rapaza oriental que o acompañaba), pois a unha amiga miña déronlle un vergallazo nunha perna por amosar un centímetro de pel. A rapaza preguntoume se os homes andaban todos con látigo. Falando desas cousas, confesoume que levaba na maleta a roupa adecuada, é dicir, un pano para a cabeza e unha especie de túnica ata os pes. Podería facelo por respecto; faino por obrigación. Aquí, na feira de Frankfurt, vense pasar mulleres vestidas desa maneira. Sería feísimo que alguén se metese con elas e que as obrigase a vestirse ó xeito occidental. A explicación desa contradicción deulla un alto dirixente dun deses países a un amigo meu, embaixador de España. Cando este protestou polo vergallazo que citei antes, recorreu ó exemplo que eu acabo de poñer. A resposta que recibiu foi dunha coherencia absoluta: «Vostedes non poden facer eso porque son demócratas; pero é que nós non o somos».