ACUÑA

La Voz

OPINIÓN

Á MARXE / Carlos Casares

14 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Hai anos, cando eu era un rapaz adolescente e empezaba a escribir relatos, sentía a aprensión de que todo aquelo que facía non servise para nada. A casualidade quixo que un compañeiro meu de estudios, que recibía clases nun colexio privado, decubrira nel a un profesor do que me contou que era poeta, que coñecera a Federico García Lorca e que se trataba ademais dun señor extremadamente educado e cordial. Non sei por qué extraño mecanismo de audacia, atrevinme a pedirlle ó meu amigo que lle amosara algúns dos meus escritos. Uns días despois chegoume o esperado e temido veredicto, que foi moi positivo. Pouco máis tarde, coñecín a aquel home, que resultou ser o poeta Manuel Luís Acuña, cousa que eu ignoraba ata entón, e de quen sabía versos de memoria. A pesar da diferencia de idade, fixémonos amigos e tíveno por un dos meus mestres e el consideroume discípulo. Funno contar onte a Pobra de Trives a un congreso. Paseino moi ben e por riba, como se aquelo non fose dabondo, comín unha perdiz.