ANTÓN REIXA
01 oct 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Incomprensiblemente para moitos, a estatua ecuestre do xeneral Franco segue en pé na cidade de Ferrol. A actual corporación quere agora retirala e a oposición de centro-dereita pretende que se faga un referéndum porque non está de acordo con esa decisión. Poderiamos pensar que o asunto é unha cuestión que só atinxe ós cidadáns de Ferrol, pero tal insistencia na apoloxía dun dictador, responsable directo da morte de milleiros de individuos e que chegou ó poder pola vía ilegal e brutal dun golpe de estado contra un goberno democrático implícanos á gran maioría de demócratas e de defensores dos dereitos humanos. Só habería un espanto comparable ó de chegar a Ferrol e toparse coa sinistra benvida do monstrenco monumento: chegar a unha cidade alemana e ver unha estatua dedicada a Hitler. Entre un e outro personaxe só existe unha macabra diferencia estatística en canto ó número de víctimas. Para maior perversión, a fórmula de referéndum que invoca a dereita constitúe todo un sarcasmo histórico: Franco presentándose postumamente a unhas eleccións. O sentido común, a democracia e a xustiza non se votan como alternativas ó autoritarismo, son un punto de partida e unha condición inescusable da convivencia. Imaxinemos o titular para un resultado favorable ás teses da oposición: «Os cidadáns de Ferrol votan si a Franco». Sobre todo porque a sabedoría popular xa hai moitos anos que borrou ó dictador desa estatua: para a gran maioría de ferroláns esa é a estatua do cabalo ¿Que mellor referéndum?