A VOLTAS CON MILOSEVIC

La Voz

OPINIÓN

XULIO RÍOS AQUÍ FÓRA

27 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Se como ven afirmando dende hai máis dunha década, a Milosevic preocúpalle a subsistencia da unidade federal iugoslava, debería aceptar a súa derrota e descartar a idea dunha segunda volta. Pero o máis probable é que o líder serbio promova todo tipo de argalladas para manterse no poder. O seu ultranacionalismo foi sempre instrumental. Dos temores a un golpe de estado do xeneral Nebojsa Pavkovic a un conflicto aberto con Montenegro para desviar a atención, Milosevic baralla un amplo abano de opcións. De non ser pola presión interna e internacional, o líder serbio proclamaríase vencedor na primeira volta. Significativamente, nesta ocasión, Vojislav Seselj, o seu antigo aliado do Partido Radical, foi o primeiro en decantarse polo triunfo de Kostunica. Pero os fundamentos do fraude estaban preparados. Basten dous exemplos: en Montenegro, amparándose no boicot das autoridades locais, as urnas colocáronse nos domicilios de partidarios de Milosevic; en dúas vilas do sur de Serbia, Vranje e Prokuplje, os censos experimentaron un espectacular crecemento do seu electorado, ata máis dun millón de persoas, ao inscribir de oficio a cidadáns serbios e albaneses de Kosovo. Se a hipótese da continuidade de Milosevic abre un horizonte de gravísimo conflicto social interno e mesmo de probable guerra en Montenegro, a confirmación da derrota de Milosevic na segunda volta, con ser esperanzadora, tampouco augura un futuro idílico. Importantes actores políticos quedarán sen argumento e deberán construír un novo discurso. En Kosovo, unha victoria de Kostunica equival a quedar na federación. A independencia, afirman tanto Hashim Thaci, líder da UCK, e o moderado Ibrahim Rugova, é máis probable con Milosevic no poder. Outro tanto acontece en Montenegro. Ata agora, as diferencias con Belgrado valéronlle a protección e a axuda económica internacional. En Podgorica, o triunfo de Kostunica abre un horizonte de división entre os pro-montenegrinos e os pro-iugoslavos. Aínda que Kostunica representa para moitos observadores externos un mal menor, destronar a Milosevic colma as expectativas de Occidente. Nada comparable en todo caso á sensación de alivio que poden experimentar milleiros de cidadáns serbios, principais víctimas desa dramática combinación de escuros intereses e políticas suicidas.