CARLOS CASARES Á MARXE
15 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Acabo de chegar a Pendueles, en Asturias, para participar nos encontros anuais de escritores que se celebran na Casona de Verines, propiedade da Universidade de Salamanca. De momento, aínda non vin a ningún dos compañeiros, pero desde a ventá da habitación podo observar a varios deles bañándose na praia. (Espero que as rapazas que andan polo medio sexan turistas e non escritoras). A mar parece brava e a néboa non permite ver máis alá duns poucos centos de metros, pero a temperatura é agradable. Este ano, os encontros van tratar sobre a literatura e os medios de comunicación, razón polo cal, entre os escritores invitados, abundan aqueles que reúnen a dobre condición de cultivar as letras e o periodismo ó mesmo tempo. De Galicia están tamén Ana Romaní e Ramón Loureiro. Supoño que de aquí a pouco, cando empecemos a sesión, falarase de globalización, internet e todas esas cousas das que se fala agora. Non importa, despuis de cear, na tertulia nouturna que se organiza no salón do hotel, cada un falará do que queira.