AGUSTÍN HERNÁNDEZ F. DE ROJAS
13 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.O pasado día 5 de setembro, o ministro de Medio Ambiente, Jaume Matas, cun discurso certamente brillante, presentou ó Consello Nacional da Auga o documento técnico do Plan Hidrolóxico Nacional (PHN) xunto ó borrador do anteproxecto de lei deste novo Plan. Esta presentación responde a un mandato da Lei de Augas de agosto de 1995. A valoración dende o organismo Augas de Galicia non pode ser outra que moi positiva ante a presentación dun Plan que se demoraba no tempo despois de varias lexislaturas. Agora, o Ministerio de Medio Ambiente deu presentado un documento que reúne todos os elementos precisos nos que se vai basear o desenvolvemento da política hidráulica española do próximo século e milenio. O Plan que se nos presentou para a súa análise é froito de rigorosos traballos realizados nos últimos anos. Do pasado máis próximo cómpre subliñar a aportación do Libro Branco da Auga, redactado polo Ministerio de Medio Ambiente na anterior lexislatura; pero tamén é importante resaltar as aportacións e datos que se levan utilizado procedentes de estudios e traballos dos anteriores ministerios de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, durante o mandato de Josep Borrell. Con independencia dunha análise rigorosa e profunda do documento, que consta de cinco tomos e máis de 1.300 páxinas, coido que é importante resaltar os seus rasgos principais, así como as palabras do ministro, que recollen o espíritu do PHN, así como a vontade política do Goberno central de levar adiante un ordenamento dos recursos hidráulicos de todo o Estado. Galicia pode considerarse unha comunidade autónoma privilexiada no referente á disponibilidade dos recursos hidráulicos, circunstancia que non implica a ausencia de problemas e carencias, especialmente no relativo ó regulamento dos nosos ríos, así como tamén nos eidos do saneamento e depuración. En todo caso, é evidente que a nosa situación non é en absoluto comparable ós gravísimos problemas das concas do Sur e Levante peninsular. Esta situación privilexiada permítenos, quizais, valorar o Plan sen cargas apriorísticas. Na nosa opinión, trátase dun documento realista, economicamente viable e ambientalmente asumible. Ademais, o debate que se xenera no Consello Nacional da Auga e en toda a sociedade será unha gran oportunidade para demostrar a capacidade da sociedade española para levar á práctica a solidariedade entre as autonomías.