Á MARXE / Carlos Casares
13 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Un amigo que sufriu unha escordadura nun pe tivo que ir a un curandeiro por prescripción facultativa. Eu non creo nada nese tipo de mediciña popular porque fun víctima dunha mala experiencia. Cando era neno e rompín un brazo leváronme a un compoñedor de ósos, dado que na aldea onde pasaba as vacacións non había médico e a cidade quedaba lonxe, a unhas dúas horas a cabalo, aventura que rematou un mes despois nun quirófano co fin de recompoñer o que o compoñedor descompuxera. A escordadura do meu amigo levou a conversa que mantiñamos, el e outros dous compañeiros, a tratar sobre os curandeiros. Todo o mundo ten algo que contar ó respecto. Un dos presentes dixo que cando era pequeniño foi diagnosticado de padecer «o pelo do gato», que non sei en qué consiste, aínda que supoño que algo tería que ver coa fame da postguerra. Para curalo atárono a unha pa de madeira e metéronno nun forno quente, como se fose un pan. Curar, curou, pero sobre todo curou o país, que eliminou, parece que definitivamente, tan cruel enfermidade.