ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa
10 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.Ás veces, as cousas máis insignificantes serven, indirectamente, para poñer de manifesto as contradiccións explosivas dos grandes conceptos e que, de tan grandes, se quedan pequenos para solucionar aqueles asuntos máis nimios. Definitivamente, as novas matrículas de homologación europea para coches levarán obrigadamente a «E-» de España. Sobre a mesa quedan as outras posibilidades polémicas a favor das iniciais de Europa, das comunidades autonómicas e, por suposto, das provincias. Os xestores do plurinacional Estado español, azoute ideolóxico dos nacionalismos opositores, fan así causa irrenunciable do seu propio nacionalismo automobilístico («ata aí poderiamos chegar» parece expresar esta decisión). A Europa do euro decadente non é quen de facer brillar o seu unitarismo grandilocuente fronte ás nacións-estado. E ós dos nacionalismos perdedores dos países sen estado quédanos máis unha vez as opcións de disimular (temos demasiado choio pendente) ou de mobilizármonos airados (pero estoicos) en forma de razoables «abaixo firmantes». Lembremos todo o que fixo falta para que a matrícula de Ourense fose OU- e da Girona GI-. Pero sempre quedan mentes preclaras e pragmáticas ante as grandes encrucilladas. Neste caso, os vendedores de coches de segunda man, que veñen de manifestar que as placas provinciais frean o mercado de coches usados. Cando menos, xa queda algo simbolicamente claro: as provincias son conceptos administrativos e políticos de segunda man, usados, vellos, anacrónicos.