OSTRA

La Voz

OPINIÓN

ÁREA DE SERVICIO / Antón Reixa

03 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Os libros de ciencias naturais deberían renovarse para incluír entre as propiedades dos mariscos a xenerosidade de moluscos e crustáceos á hora de doar gratuitamente o seu nome as diversas macro-operacións xurídico-policiais que á súa vez presentan tamén a exclusiva propiedade de teren como resultado o apreixamento de alixos de droga sucesivamente os máis enormes xamais incautados. Reconstruamos o itinerario completo desas cinco toneladas de cocaína intervidas na operación Ostra: desde a planta que crece na selva boliviana ou colombiana coidada por un humilde agricultor chantaxeado por guerrilas e mafias ata, xa metaforseada en urxente raia, o cuarto de baño de calquera discoteca europea en fin de semana. Teriamos que pasar por unha escura rede de intermediacións comerciais e ciruxías financeiras, incluíndo no guión eses buques que teñen o literario apelativo de barcos-nodriza, a criminalización da vida social de medio planeta ou escenificacións de marketing político como esa imaxe de Clinton levando un talón de non sei cantos millóns de dólares a Colombia para que os labregos se dediquen a outros cultivos que nunca se sabe ben en que poden consistir. Pensemos o mesmo no contexto hipotético da legalización das drogas: quedarían eliminados todos eses truculentos pasos intermedios entre o agricultor e o consumidor da discoteca e saneada a vida social e económica dese medio planeta. O agricultor ó seu e o consumidor enfrontado a súa propia saúde sen maiores riscos cós similares a fumar, beber ou conducir imprudentemente. Sobran tabús.